Artistas de Baiona expoñen na vila francesa de Pornic

Unha delegación baionesa de artistas viaxou ata Pornic con motivo da “Exposition d’artistes de Baiona”, enmarcada na celebración do XXV aniversario do irmandamento entre as Vilas promovida pola asociación de Jumelage de Pornic na Maison du Chapître do 12 ao 20 xuño de 2022 en colaboración cos dous Concellos. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, reuniuse cos artistas baioneses que compoñen a delegación para coñecer de primeira man os traballos que formarán parte da mostra que representará á localidade en Pornic.

A Exposición de artistas de Baiona é unha mostra colectiva de pintura, gravado, escultura e foto-reportaxe na que participan: pintura, de Caíno Vasconcellos; gravado, de Irene Silva; escultura, de Víctor Lorenzo; pintura, de Carlos Padín; e foto-reportaxe, de Nieves Loperena. Haberá outras actividades complementarias á exposición. Baixo a dirección da artista Irene Silva construirán a instalación “Flash-Arte”, coa participación activa das persoas que se acheguen á mostra. “Mediante un breve aceno deixaremos unha pegada indeleble na memoria a través do paradoxo dun acto fugaz”, sinala a artista local.

A fotógrafa local Nieves Loperana elaborará un caderno de viaxe acerca da actividade. “O obxectivo da mostra é achegar a obra de artistas de Baiona que desenvolven o seu traballo no concello. Dende as súas propostas creativas presentan miradas atemporais de Galicia: a paisaxe, a tradición, os tipos humanos. No fondo, a universalidade que procura afinidades para esta conversa atlántica”, sinala o Alcalde, Carlos Gómez Prado. Este encontro enmárcase dentro do interese das corporacións das dúas localidades de manter vivo o irmandamento”, finaliza o rexedor.