A Travesía Náutica Xacobea chega a Baiona

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, presidiu hoxe o acto de recepción dos participantes na Travesía Náutica Xacobea 2022, onde salientou que este tipo de peregrinacións por mar son unha oportunidade para reforzar a dimensión internacional do litoral galego e dar a coñecer os seus atractivos. Esa promoción das bondades da comunidade, subliñou, contribuirá ademais a impulsar os sectores turístico e náutico-recreativo así como o conxunto da economía de Galicia.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, lembrou que Galicia é un gran porto que estes días se converte en punto estratéxico deportivo e turístico para os peregrinos que deciden facer o Camiño de Santiago por mar coincidindo co Ano Santo.

A representante do Executivo galego recibiu á frota da Travesía Náutica Xacobea, conformada por unha vintena de navegantes, e deulles a benvida a Galicia tras cubrir desde o pasado 28 de maio -data na que a expedición partiu de Barbate (Cádiz)- distintas etapas nas que pasaron por augas andaluzas, parando en Rota e Ayamonte, remontando a costa portuguesa por Cascais ou Leixoes, entre outros, ata chegar hoxe a Baiona.

A partir de agora, e coa incorporación de máis embarcacións e navegantes galegos á frota, os veleiros participantes encaran tres novas etapas por mar -ata Portonovo, Ribeira e Portosín- antes de iniciar o último tramo a pé desde O Milladoiro (Ames) ata Santiago, destino ao que a expedición chegará o próximo luns.

A conselleira do Mar animou aos peregrinos da travesía a gozar do patrimonio marítimo de Galicia, do seu comercio, da súa gastronomía, dos seus servizos e das súas xentes para acadar unha experiencia completa. Neste sentido, puxo en valor o sistema portuario co que conta a comunidade -con 30 portos deportivos vinculados ao Xacobeo por mar- e todo un referente tanto na vertente tradicional da cadea mar-industria, como na comercial e náutico-recreativa.

Rosa Quintana lembrou que o mar de Galicia é un espazo deportivo e recreativo de primeiro nivel, o que lle permitiu roldar o ano pasado as 35.000 pernoctas en tránsito nos peiraos autonómicos, cun impacto económico positivo de preto de 3,5 millóns de euros. Estas cifras, incidiu, contan con marxe de mellora, polo que apostou por seguir promovendo a náutica de recreo nos portos galegos dado que o mar “é a vía máis curta para chegar a calquera outro punto do mundo”.

Ruta por mar

A Travesía Náutica Xacobea 2022 está impulsada pola Asociación de Náuticos de Galicia (Asnauga) e saíu do porto de Barbate (Cádiz) o pasado 28 de maio para chegar a Santiago de Compostela o 13 de xuño. Nesta edición a Xunta de Galicia e a Junta de Andalucía colaboran mediante a coordinación da travesía no seu territorio e fretando unha embarcación oficial que está a facer o traxecto con medios de comunicación, representantes sectoriais e convidados das dúas administracións a bordo. Neste barco tamén van xornalistas especializados doutros países para difundir a importancia do Camiño de Santiago por mar e ampliar a súa repercusión internacional.