Inscricións abertas para a décimo segunda edición da Travesía a Nado de Baiona

O Concello de Baiona organiza o vindeiro sábado día 2 de xullo na Praia Ladeira a décimo segunda edición da Travesía a Nado. O prazo de inscrición finaliza o martes 29 de xuño ás 12:00 horas.

A proba organízase en varias categorías e distancias de carácter mixto: sub 12 – 100 metros (2010-2014) a partir das 17:00 horas; sub 16 – 500 metros (2006-2009) ás 17:15 horas; e adultos (1983-2005) e veteranos (desde 1982) cunha distancia de 2.000 metros e saída ás 18:00 horas. A entrega de premios está prevista para as 19:30 horas, con choripán xentileza de Carrefour Market + Shafire Food Club.

Establécense trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina, así como para os vencedores absolutos e para o primeiro baionés e a primeira baionesa. Tamén haberá premio especial para o participante máis novo e para o máis maior e trofeos por equipos.

O prezo da inscrición é de 5 euros para as categorías adultos e veteranos, sendo gratuíta para os sub 12 e sub 16, incluíndo gorro de participación obrigatorio con número de dorsal, bolsa de avituallamento á chegada, bebida e camiseta conmemorativa. As inscricións poden formalizarse a través da plataforma http://www.championchipnorte.com ou fisicamente no Pavillón Municipal de Baiona. Establécese o teléfono de información 986 356 558 ou tamén a través do correo deportes@baiona.org.