Representantes da Generalitat Valenciana coñecen o desenvolvemento de SEMGAL no CEE Panxón

Catro representantes da Consellería de Educación, Cultura e Deporte da Generalitat Valenciana visitan hoxe o Centro de Educación Especial (CEE) de Panxón, na localidade pontevedresa de Nigrán; dous deles membros do Centro de Formación, Innovación e recursos educativos (CEFIRE) Educación inclusiva, especializado neste eido. O seu obxectivo é coñecer o desenvolvemento nos nosos centros educativos do SEMGAL, que está a impulsar a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional como Modelo de Enriquecemento Curricular para todo o alumnado. Durante a súa visita os representantes valencianos estiveron acompañados polo xefe territorial da Consellería na provincia de Pontevedra, César Pérez Ares.

SEMGAL está baseado no modelo SEM (Schoolwide Enrichmet Model) e ten como obxectivo avanzar no proceso de inclusión educativa e mellorar o rendemento académico do alumnado. Para iso, desenvólvese unha proposta específica de acordo cos intereses dos estudantes a través da realización de proxectos interdisciplinares que benefician ao conxunto do alumnado e do centro no que se poñen en marcha.

O proxecto leva parello un exhaustivo programa de formación do profesorado (a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado en Centros, PFPP) e de mentorización, para o cal hai un equipo constituído por 13 especialistas en distintas materias e niveis educativos que apoian o desenvolvemento curricular dos proxectos inerdisciplinarios e a súa posterior avaliación. Galicia é a primeira comunidade autónoma de Europa que o está implantando no ensino público. Esta acción enmárcase no modelo de escola inclusiva que se configura como un dos eixes principais das políticas educativas da Xunta de Galicia para os vindeiros anos.

Un total de 39 centros escolares galegos xa están traballando neste modelo, no que participan uns 4.300 alumnos e preto de 400 docentes. Na provincia de Pontevedra están implicados no SEMGAL os seguintes centros:

REDE DE CENTROS SEMGAL

Ano 4 de implantación do modelo
CEE de Panxón
Nigrán
CEIP Carballal
Marín
IES Xunqueira II
Pontevedra
CPR Eduardo Pondal
Cangas
 
Ano 3 de implantación do modelo
CPI Aurelio Marcelino Rey García
Cuntis
 
Ano 1 de implantación do modelo
CEIP Plurilingüe número 1
Tui
CPR Plurilingüe Losada
Vigo
CEP Xosé Neira Vilas
Gondomar

 

CENTROS DE ACHEGAMENTO A SEMGAL (Ano 0. En formación)

CEIP de Laredo
Redondela
CPR Plurilingüe Monterrey
Vigo
IES República Oriental do Uruguai
Vigo
CEE Menela
Vigo
CEIP Torre Cela
Bueu
CEIP Plurilingüe A Florida
Sanxenxo