O Concello de Gondomar abrirá entre os días 13 e 30 de xuño o prazo para que aquelas familias con nenos e nenas, de entre 3 e 5 anos, en situación de vulnerabilidade, matriculados nos centros escolares do Concello e pertencentes ao CRA (Colexio Rural Agrupado), poidan acceder a unha axuda para a compra de material escolar de cara ao inicio do curso 2022-2023.
O alcalde, Paco Ferreira, destacou que “ningún neno ou nena de Gondomar vai quedar sen material escolar porque os seus pais non poidan facer fronte a ese gasto”. O rexedor afirmou que “dende o Concello se seguirá apostando por ofrecer as axudas necesarias para que todos os nenos e nenas de Gondomar poidan ter acceso a unha educación de calidade e cos medios necesarios”, xa que “facilitarlles o acceso á educación, é o mellor investimento que un concello pode facer”.
As familias interesadas poden solicitar información e cita previa no Departamento de Benestar Social do Concello no teléfono 986360168. Os impresos de solicitude estarán colgados a partir de mañá na páxina web municipal.

