Nigrán volve ofrecer o programa “Música nas Parroquias” para colaborar nas festas patronais

O Concello de Nigrán investirá máis de 60.000 € no programa “Música nas Parroquias”, que por terceiro ano consecutivo servirá para colaborar na celebración de todas as festas patronais do municipio, moitas delas organizadas ao 100% desde o consistorio ao non terse constituído comisións. Destes cartos, a Deputación de Pontevedra achegará 10.000 € a través da Liña 2 do Plan Concellos. Igualmente, o Concello amplía a súa axuda ás verbenas achegando unha orquestra e un trío a cada evento.

Así, este programa municipal arrancará o sábado 11 de xuño para celebrar o Santísimo Cristo da Vitoria en Chandebrito, onde ofrecerá unha actuación do Trío Xtra e Orquesta Alkar a partir das 22:30 horas e, ao día seguinte, a Agrupación Musical de Belesar realizará un pasarrúas e concerto a mediodía despois da Misa. As seguintes citas serán San Xoán de Panxón o 24 de xuño, San Pedro da Ramallosa o 29 de xuño, Santiago de Parada o 25 de xullo, o Carme de Lourido o 31 de xullo, San Fiz de Nigrán o 1 de agosto, Virxe das Angustias de Nigrán o 21 de agosto, San Roque de Camos o 24 de agosto e, finalmente, Bo Xesús de Priegue o 4 de setembro.

“Iniciamos este programa co Covid-19 para poder manter as festas pese a ausencia de comisións organizadoras e apostamos pola súa permanencia para garantir a pervivencia das festas tradicionais de Nigrán porque son os verdadeiros días de celebración conxunta da veciñanza e de ledicia en cada parroquia”, resume o alcalde, Juan González.