
Baiona inaugurou este domingo no parque “Mercedes de la Escalera”, aos pés da Virxe da Rocha, o monumento conmemorativo en agradecemento a todas as persoas, especialmente aos veciños, que traballaron unidos contra a vaga de incendios que arrasou a Vila o pasado ano. Cando se cumpre o aniversario deste desastre ambiental, a Corporación Municipal quere destacar e perpetuar na memoria de todos o labor e o traballo conxunto da sociedade baionesa para extinguir os incendios forestais daquel 15 de outubro de 2017.
16 días despois da fatídica data, a Corporación Municipal en sesión plenaria celebrada o 2 de novembro de 2017, fixo unha declaración institucional e acordou por unanimidade facer un monumento en agradecemento e recoñecemento a todas as xentes implicadas que colaboraron na extinción dos incendios de Baiona e que afectaron aproximadamente a 40 hectáreas de terreo calcinado pertencentes ás parroquias de Santa María de Afora, a Baíña, a Baredo e aos barrios da Anunciada, de San Antón, de Covaterreña, Almirante Fontán e a ladeira do Paseo Monte Boi.
“O labor dos veciños e veciñas da Vila foi crucial e merecedora de destacar e lembrar a perpetuidade e facelo publicamente xa que nos momentos máis transcendentais organizáronse e traballaron arreo contra o lume formando cadeas humanas que trasladaban cubos e barreños de auga coas súas propias mans e acudían aos lugares que facía falta, dando apoio moral aos veciños que máis o necesitaban”, lembrou Pili Rodríguez, presidenta do Centro Cultural de Baíña.
“A Corporación Municipal foi consciente de que sen a colaboración cidadá non sería posible controlar o incendio tan rápido, e hoxe atopámonos neste acto de recoñecemento público, inaugurando este monumento que perdurará na memoria de todos nós desexando con todas as nosas forzas que non se volva a repetir unha vaga de incendios tan virulenta”, concluíu a representante dos veciños.
A continuación, nenos e nenas pertencentes a cinco parroquias de Baiona, expresaron en voz alta uns desexos para o futuro en relación coa concienciación ambiental, co coidado dos nosos montes e sobre a prevención dos incendios forestais, xa que son eles os verdadeiros herdeiros e os que teñen que pasar a testemuña ás xeracións vindeiras en relación á salvagarda do noso patrimonio natural común.
PARROQUIA DE SANTA CRISTINA DA RAMALLOSA (Martina Sierra García, 10 anos):
- Non teremos unha sociedade con futuro, se destruímos o medio ambiente.
- A terra non é unha herdanza dos nosos pais, senón un préstamo para os nosos fillos.
- Todos somos parte da natureza, coidemos nosa terra.
PARROQUIA DE SANTA MARÍA DE BAIONA (Sofía Blach Rodríguez, 9 anos):
- Que nunca máis a man do home estea detrás dun incendio forestal.
- Que todos nós coidemos e limpemos os nosos montes.
- Que cada pinga de auga que derramemos sexa para dar vida e non para sufocar un incendio.
PARROQUIA DE BAÍÑA (Nerea e Francisco Silva):
- Os nosos montes son o pulmón da nosa Vila, coidémolos e protexámolos.
- Prendamos a chama da nosa conciencia en prevención ambiental.
- Queimar o bosque é queimar vida.
PARROQUIA DE BELESAR (María Rodríguez Domínguez, 6 anos):
- Previr un incendio forestal é máis fácil que combatelo.
- Que sempre traballemos xuntos e unidos en defensa dos nosos montes.
- Os nosos montes son o abrigo da nosa Vila.
PARROQUIA DE BAREDO (Nayala Álvarez Barreiro, 11 anos):
- Ama o medio ambiente.
- O noso futuro depende dos bosques.
- Orgullosa de ser de Baiona, de ser da Vila que se uniu en defensa dos seus montes.
Finalmente, os nenos e nenas depositaron no monumento unha caixa cos seus desexos, dando por inaugurada oficialmente a escultura, e o grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona interpretou un tema como broche final ao acto.
O monumento está composto por unha pedra cedida pola Comunidade de Montes de Santa María de Afora, sobre a que se sitúan dous remos que simbolizan como os veciños remaron xuntos contra o lume e unha cadea que lembra a unión de todos facendo unha fronte común para combater as chamas, ademais dunha placa que reza: “O Excmo. Concello de Baiona. En agradecemento e recoñecemento a todas as persoas, especialmente a veciñanza que traballou unida contra a vaga de incendios que arrasou a nosa Vila o 15 de outubro de 2017. Baiona, 14 de outubro de 2018”.
“Hoxe temos un día de choiva, oxalá que o 15 de outubro de 2017 houbese este día. Nunca tivemos incendios tan preto das nosas casas, e por sorte non tivemos ningunha vítima nin ningún dano persoal como pasou no veciño municipio de Nigrán, pero realmente o susto foi tremendo. A ver se isto válenos a todos, tanto ás institucións como tamén a outras persoas que ás veces, sábese que a maioría dos incendios son provocados, poidan reflexionar para que isto non se volva a repetir”, sinalou o alcalde de Baiona, Ángel Rodal.