Finalizadas as obras no tellado da antiga escola unitaria do Burgo

O arranxo do tellado da antiga escola unitaria do Burgo deuse por finalizado. Os traballos levados a cabo por unha empresa local consistiron no recolocado de todas as tellas que estaban desprazadas do seu lugar producindo perigo de esborralle dalgunha delas.

O concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, indica que “desde o departamento de Vías e Obras procedemos a revisar o estado do tellado e comprobamos que a maior parte das tellas estaban desprazadas do seu lugar. Para evitar o perigo de esborralle dalgunha tella ou de parte do tellado co perigo para os usuarios e usuarias do centro, buscouse unha solución para esta problemática”.

A antiga escola unitaria do Burgo dedícase actualmente a fins sociais con actividades de asociacións, realización de cursos e para desfrute dos veciños e veciñas do Burgo.

O Alcalde, Carlos Gómez Prado, destacou a importancia da intervención “que dá continuidade á mellora de infraestruturas e servizos básicos dos diferentes barrios e parroquias”. O rexedor lembra que a mellora de infraestruturas nos núcleos da localidade “foi, e segue sendo, unha das nosas prioridades”.