Dous detidos en Baiona por estafa e furto en varios locais do municipio

A Concellería de Seguridade Cidadá, a través da Xefatura da Policía Local do Concello de Baiona, informa de que os axentes da Policía Local e da Garda Civil de Baiona, no transcurso dunha intervención conxunta entre ambos os dous corpos de seguridade, procederon a pasada fin de semana á detención e posta a disposición xudicial dun home e unha muller como presuntos autores dun delito de estafa e un delito leve de furto pola subtracción de obxectos en varios locais do municipio.

A Policía Local de Baiona realizou un intenso servizo xa que se rexistrou unha importante afluencia de público na localidade con motivo da ABANCA 52 SUPER SERIES • BAIONA SAILING WEEK. Entre os diferentes servizos realizados cabe destacar a actuación policial conxunta levada a cabo por axentes da Policía Local e Garda Civil, ao alertar estes últimos aos locais da presenza na zona dunha parella que subtraera documentación nun establecemento de Baiona, achegando a súa vestimenta.

Con estes datos, a patrulla da Policía Local iniciou un operativo de localización sendo requiridos por outro establecemento da zona, denunciando nesta ocasión un roubo de bolso con efectos persoais do interior do mesmo.

Os axentes da Garda Civil volveron achegar información novamente á Policía Local sinalando que a parella procedera a un novo cambio de vestimenta, co fin de confundir a súa localización e tentar evitar á patrulla. Finalmente, foron localizados no interior doutro establecemento sendo interceptados polos axentes á saída, procedendo á súa identificación, non portando documento algún, polo que foron trasladados ao posto da Garda Civil de Baiona.

Realizouse unha imputación penal por delito de estafa e delito leve de furto. Desde fontes policiais apuntan que se trata dunha parella composta por un home e unha muller con numerosos antecedentes penais relacionados cos delitos contra o patrimonio, estafa, furto…. Así mesmo, localizáronse e identificaron os obxectos subtraídos, os cales tamén foron identificados polos seus propietarios e entregados aos mesmos.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Óscar Martínez, e o Alcalde, Carlos Gómez Prado, destacan que “desde o Concello de Baiona quérese destacar a cooperación recíproca entre Policía Local e Garda Civil en aras da garantía da seguridade cidadá e felicita aos axentes que interviñeron no dispositivo”.