
O Concello de Nigrán acolle o domingo 5 de xuño ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a estrea da obra de Teatro do Ar “Lonxe dos teus abrazos”, peza que vén de obter unha Mención Especial nos Premios Buero Vallejo de Teatro Joven. Trátase dunha comedia romántica creada polo director do grupo, Pedro Rodríguez Villar, e na que se reflexiona sobre se paga a pena unha relación amorosa a distancia. A entrada é de balde ata completar aforo e, ao remate da función, establecerase un pequeno coloquio co público.
A representación forma parte do convenio coa Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), repetindo así a boa experiencia de 2021. Deste xeito, o Concello achega 7.000 € que permiten traer a Nigrán dez obras de compañías de teatro afeccionado de toda a comunidade. Así, as funcións continúan o 12 de xuño con Farándula Velutina, ademais doutras representacións noutras datas aínda por definir.
Teatro do Ar
Teatro do Ar vén de recibir o Premio Nigrán ao Mérito Cultural 2022. O soño dun grupo de mozos e mozas de Nigrán que, cando remataron a Educación Secundaria no CPI Arquitecto Palacios, decidiron crear unha compañía teatral onde expresarse libremente. Este ano cumpren 10 anos traballando pola cultura en Nigrán e cun futuro moi ilusionante. Ata o de agora xa levan case unha vintena de obras presentadas. Ademais, crearon este curso xunto ao Concello de Nigrán a primeira escola de teatro municipal. Acumulan varios recoñecementos destacados: finalistas dos premios Xuventude Crea 2020 e mención destacada nos Buero Vallejo de Teatro Joven 2021 que organiza Coca Cola.
“Apostamos por un teatro propio para trasladar á toda a xente que nos ve a nosa forma de entender esta arte e o mundo que nos rodea”, explica o seu director e dramaturgo, Pedro Rodríguez. Traballan todos os xéneros e agora, ademais de preparar dúas obras novas para presentar durante este ano, están a organizar un forte programa de teatro social para facer a arte accesible. A súa gran calidade, iniciativa, compromiso e xuventude fainos máis que merecedores deste Premio Nigrán 2022.