Cheikh Fayé presenta o seu libro «Ser modou modou» no IEM

Este mércores 20 de setembro ás 20:00 horas o IEM acollerá a presentación do libro «Ser modou modou» do senegalés Cheikh Fayé. Será na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira, 10 baixo, en Gondomar.

Cheikh Fayé emigrou á Coruña desde o seu Senegal natal buscando un futuro mellor, mais a crise tamén derrubou as súas arelas e hoxe vai tirando coa venda ambulante, como a maioría dos seu compatriotas.

O seu esforzo por integrarse e comprender Galiza, fai que hoxe non só se denomine a si mesmo senegalego, senón que mesmo comparta a nosa lingua, sendo este “Ser modou modou” o primeiro libro escrito en galego por un senegalés de nacemento.

Da súa odisea, metáfora da odisea doutro pobo obrigado a buscar o futuro na emigración, fala este libro.

María Xosé Bravo escribe no prólogo: «Estes textos que se presentan aquí… son, nestes tempos de valados e fronteiras, un espazo libre, un xeito de diálogo con espírito aberto de reflexión crítica; unha visión sobre Galiza dunha persoa nacida a miles de quilómetros na África atlántica. Haberá outras moitas visións sobre Galiza, sen dúbida, mais esta ten mirada limpa, inocente, amable (demasiado amable?) mais tamén crítica, cando cómpre, sobre o noso país e as súas xentes».

O autor estará acompañado pola escritora e coordinadora da sección de Filoloxía e Literatura do IEM, Marta Dacosta.

Anuncios