
A Deputación de Pontevedra, dentro do proxecto Labora 2020, ten previsto realizar un itinerario formativo con certificado de profesionalidade en Seguridade informática na localidade de Nigrán. A formación do proxecto Labora 2020 está destinada a persoas en situación de vulnerabilidade para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral.
O curso, de 532 horas, desenvolverase do 20 de xuño ao 28 de novembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para poder participar é necesario estar en desemprego, inscrita/o como demandante de emprego nunha oficina do SPEG (Servizo Público de Emprego de Galicia) e en algunha das seguintes situacións:
- Persoas desempregadas de longa duración (PLD)
- Mozas e mozos menores de 30 anos non atendidos no Programa Operativo de Emprego Xuvenil (POEX)
- Persoas maiores de 55 anos
- Persoas con discapacidade
- Inmigrantes
- Minorías étnicas e comunidades marxinadas
- Outros colectivos desfavorecidos: persoas que viven en fogares compostos dunha única persoa adulta con fillas ou fillos ao seu cargo; persoas sen fogar ou afectadas pola exclusión en materia de vivenda; vítimas de violencia de xénero, vítimas de discriminación por orixe racial ou étnico, orientación sexual e identidade de xénero; solicitantes de asilo; persoas con problemas de adicción; persoas reclusas e ex reclusas; persoas perceptoras de rendas mínimas ou salarios sociais; persoas con fracaso ou abandono escolar
- Outras persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos servizos sociais
Todos os itinerarios formativos teñen unha axuda á formación para aquelas persoas que non teñan ingresos iguais ou superiores ao 75% do IPREM e asistan ao 90% da formación. A solicitude de preinscrición poderá facerse a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra.
Máis información na web da Deputación ou no teléfono 986804100 extensión 40846.