Podemos Nigrán solicita unha canle de nado delimitado para nadadores en augas abertas

Considerando o potencial da franxa costeira de Nigrán para desenvolver deportes acuáticos, así como o aumento de deportistas e afeccionados nadadores en augas abertas, Podemos Nigrán propón ao Concello a creación dunha canle de nado con instalacións que permitan a súa utilización desde o 1 de abril ata o 31 de outubro.

Esta iniciativa supoñería unha mellora importante para a seguridade das persoas que practican este deporte, dado que a instalación dunha liña de balizamento evitaría que as embarcacións accedan ao perímetro reservado para zona de baño, como vén sucedendo sen ningún control. Evitando así, terribles accidentes como o acontecido recentemente en Sanxenxo no que unha persoa perdeu a vida.

“Na nosa proposta expoñemos a colocación dunha liña de 200 metros de boias amarelas e paralelamente outra liña de 150/175 metros de boias brancas, tomando como referencia para o inicio e o fin da canle os postos de Protección Civil de Praia América e Panxón, onde se poderían instalar as taquillas para estes deportistas”, expón Marcos Costas, responsable de deportes e enlace territorial de Podemos.

“Por outra banda, cremos que esta iniciativa podería ser un novo atractivo turístico/deportivo para o municipio. Por exemplo, ofrecendo este espazo á Federación Española de Natación co fin de formar parte do Circuíto Nacional de campionatos”, manifesta a voceira do Círculo, Lucía Chamorro.