
O Concello de Baiona, a través da Xefatura da Policía Local, deseñou un plan especial de tráfico con motivo da tradicional Festa da Bicicleta, que se celebra o próximo domingo 5 de xuño. Os tres concellos do Val Miñor volverán a pedalear xuntos esta 32 edición, recuperando o formato habitual pre-pandemia tras dous anos sen poder celebrarse conxuntamente.
A saída de Baiona realizarase a partir das 10:45 dende a entrada do Parador. A partir desta hora procederase a dar saída ao grupo de ciclistas dunha forma controlada pola PO-552 con destino ao Pavillón de Deportes de Panxón. Tras a entrega de premios farase o regreso a Baiona no mesmo xeito que a saída. Estímase que o pelotón baionés chegue á Vila en torno ás 14:00 horas. Tratarase dun corte dinámico da circulación.
As persoas participantes deberán presentarse 45 minutos antes da saída coa súa bicicleta e casco (obrigatorio para participar) para poder inscribirse e recoller o seu dorsal definitivo.