Un cuarto e un quinto premio da Lotería de Nadal vendidos en Gondomar e Baiona

O Sorteo Extraordinario de Lotería de Nadal celebrado este mércores deixou na comarca do Val Miñor un total de 80.000 euros. O número 42.833 resultou agraciado co primeiro dos dous cuartos premios, dotado con 200.000 euros á serie. O número foi cantado ás 11:00 horas no noveno arame da cuarta táboa e vendeuse en máis dunha decena de localidades galegas, entre elas Gondomar. Concretamente un décimo foi despachado no Kiosko Alvarito, na rúa Elduayen, 3, deixando 20.000 euros na Vila Condal.

O número 26.711 resultou agraciado co terceiro dos oito quintos premios, dotado con 60.000 euros á serie. Entre as Administracións que venderon este número está a número 2 de Baiona, situada na rúa Carabela Pinta, 22, rexentada por Geli Blach e Daniel Pérez, que despachou unha serie completa, deixando na Real Vila 60.000 euros.

Daniel sinalou que os décimos foron vendidos nos últimos días e que xa chamaron varios dos veciños agraciados. É a primeira vez que reparten sorte na Lotería de Nadal, aínda que xa teñen experiencia noutros sorteos, como a Primitiva, o Euromillón ou a Bonoloto. “Este ano celebramos ademais o décimo aniversario desde que abrimos a administración e estamos moi contentos”.