O Café Bar Alameda e o Pazo da Escola gañan a 9ª edición da Festa da Empanada de Gondomar

A Festa da Empanada de Gondomar, organizada pola asociación OVALMI e o Concello de Gondomar e que chegou este ano á súa novena edición, desvelou esta mañá os seus premiados.

Así no apartado de xurado popular, a proposta “empanada de carne ao caldeiro” do Café Bar Alameda alzouse co primeiro premio. A “empanada de porco con castañas e salsa de mazá” elaborada na cociña do Café Bar Estanco obtivo o segundo premio. Mentres o terceiro premio recaeu na Bocatería A Bocados coa súa “empanada de hoxaldre con améndoa e pera”.

O premio outorgado polo xurado profesional valorou como a mellor oferta culinaria de todas a “empanada aberta de champiñóns e panceta” presentada polo Pazo da Escola. Ademais os artífices desta proposta foron premiados cun vale dunha noite no Parador de Baiona, cortesía de Paradores de España.

Por último o Concello de Gondomar tamén adxudicou os 4 vales por valor de 50 euros, para facer compras no comercio local, que foron sorteados entre aquelas persoas que participaron na festa e foron parte do xurado popular.

No acto de entrega de premios, na Casa do Concello de Gondomar, tanto os representantes de OVALMI como a concelleira de Comercio, Rocío Goberna, destacaron que esta festa “non para de medrar ano tras ano, incrementando tanto os locais de hostalería participantes como os que nos visitan para degustar un produto que cada edición aumenta en calidade”.