Clausura da Liga Escolar CB Baiona

O pasado domingo pola mañá tivo lugar a última xornada da Liga Escolar CB Baiona no Pavillón Municipal de Baiona, organizada polo Concello xunto co Club Baloncesto Baiona. Esta competición arrancou no mes de novembro e foi xuntado cada mes a un total de 20 equipos representando aos colexios do Val Miñor. A liga conta con equipos desde a categoría Baby Basket (5 anos) ata a Alevín (12 anos).

Durante a xornada matinal, os máis de 100 participantes recibiron a súa merenda e a súa medalla conmemorativa ao finalizar os partidos, entregada polo Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, e a concelleira de Deportes, Miriam Costas. Un ano máis se conseguiu que a Liga Escolar CB Baiona fose un éxito e unha forma de que os nenos entren en contacto co baloncesto e os valores deportivos.

Desde o club agradecen ao Concello de Baiona, a todos os adestradores, voluntarios e a familias a súa implicación durante esta bonita tempada. Agora, achegándonos ao verán, queda menos para o Campus do mes de agosto, ao que todos os nenos/as de 4 a 17 anos poderán apuntarse na recepción do Pavillón Municipal de Baiona.