“Os veciños do barrio da Costa en Mañufe están cansos de agardar polas promesas de Paco Ferreira”

Paula Bouzós denuncia que os veciños do barrio da Costa están cansos de que se lles minta durante tanto tempo e que a tan prometida mellora das estradas non se execute dunha vez por todas. Recordan que no ano 2016 cando a Corporación Municipal de Gondomar aprobou por unanimidade unha moción na que se pedía entre outros, o asfaltado da estrada da Costa, en Mañufe. Dende esa data non foron poucas as veces que o alcalde Paco Ferreira prometeu aos seus veciños que se ía facer a reparación e asfaltado desa estrada, sen que ata o día de hoxe se teñan máis noticias. Por iso dirixíronse á voceira do Partido Popular para que dera voz as súas queixas e fixese público o malestar dos veciños.

“As escusas que pon sempre o Sr. Alcalde son moi diversas, primeiro que non había orzamento para facela, despois que faltaba algún permiso, ata dicir que as máquinas estaban a piques de comezar a obra, pero o que realmente miran os veciños deste barrio é que as escusas estanse esgotando e son eles os que están padecendo os danos deste camiño, que nalgunha zona está case intransitable”, sinala Bouzós.

“Nesta lexislatura aprobáronse dúas modificacións de crédito para acometer esta obra, pero parece que esta non é unha prioridade para o Sr. Ferreira. Agora as escusas estanse esgotando e o único que falta é a decisión deste goberno municipal de executar a obra. O proxecto está aprobado, os cartos os ten xa que se aprobaron ata en dúas ocasións unha modificación orzamentaria para esta obra, en maio de 2021 e febreiro de 2022. Non sei que máis necesita o alcalde para atender as demandas dos veciños das parroquias”, argumenta a voceira do Partido Popular.

A presidenta do PP local acusa a Paco Ferreira de esquecerse das parroquias e centrarse só en obras de embelecemento e que sirvan de bo fondo para unha boa fotografía, que segundo ela é do que vive este alcalde. “As obras non son importantes para este alcalde se non van acompañadas dunha boa foto, pouco lle importan as necesidades dos veciños. Recórdolle ao Sr. Ferreira que case a metade do concello non ten saneamento, pero iso non vende”.

Paula Bouzós agarda que o goberno municipal execute canto antes as obras de mellora das estradas no barrio da Costa como a do saneamento no barrio da Pedra en Morgadáns que foron aprobadas xa en dúas ocasións “sen que este goberno municipal mostrara o máis mínimo interese en executalas”.