
Este luns celebrouse o acto de entrega do Premio Muller Científica, que dá o IES Val Miñor desde hai xa cinco anos, no patio cuberto do centro. Na primeira parte houbo unha pequena narración relacionada coa evolución xeolóxica do noso planeta, que foi guiada por profesorado do centro. Versou sobre a Xeoloxía, ámbito de traballo e de investigación das dúas premiadas, Marta Pérez Arlucea e Irene Alejo Flores, ambas integrantes do departamento de Xeociencias mariñas e ordenación do territorio, da Universidade de Vigo. O director do centro, Damián Guede, entregou o galardón, para despois dar paso ás dúas premiadas e ao alcalde de Nigrán, Juan González.
Marta Pérez Arlucea e Irene Alejo Flores participaron en sete proxectos de investigación aplicados á conservación dos medios costeiros na Baía de Baiona, sobre todo, no complexo sedimentario da Ramallosa (desde 2003 a 2010). Nestes proxectos estudaron os cambios morfolóxicos asociados á dinámica do medio como base para plans de recuperación e conservación do complexo intermareal da Ramallosa e dos bancos marisqueiros asociados aos distintos ambientes.
O IES Val Miñor outorga, desde 2018, o Premio Muller Científica, que trata de poñer en valor as achegas que acadaron mulleres vinculadas ao ámbito científico. Entendido este no seu sentido máis amplo, o certo é que a muller foi tradicionalmente excluída dalgúns campos de coñecemento, en ocasións incluso directamente silenciada a súa contribución. Investigadoras como África González, Iria González, Ana Ulla ou Elena Ojea foron galardoadas co Premio Muller Científica.