Noel Martín outorga a medalla de prata ao Vigo-Rías Baixas no Campionato de España Elite de CRI

O coleccionista de medallas do Vigo-Rías Baixas volveu a ser fiel á súa cita. Noel Martín repetiu o resultado do ano pasado e este venres revalidou a súa condición de subcampión de España de Contrarreloxo Individual (CRI) na categoría Elite. Esta vez na localidade mallorquina de Cala Millor, o corredor abulense fixo historia de novo para a estrutura presidida por José Luis Chamorro.

O equipo flúor aspiraba a pisar o caixón da cita anual máis importante do ciclismo español, o que a pasada campaña conseguiu por partida dobre, e grazas a Noel Martín conseguiuno no primeiro intento. A CRI abriu o programa que concluirá o domingo coa carreira de fondo para profesionais e elites, dúas categorías que xa compartiron percorrido na loita individual contra o cronómetro.

O trazado de 38,5 quilómetros e 384 metros de desnivel positivo acumulado víñalles como anel ao dedo, sobre todo na súa segunda metade, aos rodadores. Ciclista todoterreo, o representante do Vigo-Rías Baixas estableceu o mellor tempo ao paso polo punto intermedio do km 19,3. A súa referencia de 25 minutos e 24 segundos só bateuna entre os elites Eloy Teruel (Brócoli Mecánico), o defensor do título, rebaixando o “crono” de Martín en 56’’.

A mesma secuencia deuse en meta. O do Arenal situouse primeiro con 50:28 e a continuación o corredor da formación murciana desbancouno parando o reloxo en 49:21. O terceiro posto correspondeu a Yago Segovia (Gomur) cun rexistro de 51:03.

Carreira Sub23

Este sábado o Campionato de España continuará coa proba en liña Sub23 de seleccións autonómicas. Entre os corredores do Vigo-Rías Baixas que tomarán a saída en Palma de Mallorca, tres farano coas cores de Galicia: Martín Rey, Ángel Maneiro e Andrés Taboada.