Sin categoría

Más de 37.000 quilos de alimentos recadados durante o Maio Solidario de Gadis

A Fundación Provincial Banco de Alimentos recadou máis de 37.000 quilos de comida durante o Maio Solidario, campaña organizada por Gadis. A cifra lograda a nivel provincial é o resultado da suma dos quilos físicos entregados polos clientes durante todo o mes de maio nas distintas tendas da provincia de Pontevedra adheridas á acción, a tradicional achega realizada pola cadea de alimentación e as doazóns económicas depositadas ao pasar por caixa. Trátase de 5.000 quilos de alimentos menos recadados que no Maio Solidario de 2023. O contexto económico cunha alza continuada dos prezos nos produtos máis básicos estaría detrás desta baixada.

A pesar desta recadación menor, desde a Fundación Provincial Banco de Alimentos agradécese publicamente o apoio e o compromiso dos doantes por responder sempre á súa chamada. “Sabemos que a situación actual é máis que complicada, polo que, que a sociedade continúe poñéndose na pel das persoas máis vulnerables emociónanos e impúlsanos a seguir adiante afrontando todos os retos que temos por diante”, afirma o presidente da entidade, Iván Martínez.

12 anos de compromiso solidario

Gadis leva 12 anos seguidos organizando o Maio Solidario a favor dos Bancos de Alimentos de Galicia e Castela e León. No caso da Fundación Provincial Banco de Alimentos e, como levan anos facendo, elixiron unha fin de semana, en concreto, a do 3 e 4 de maio, para reforzar con voluntarios os puntos de recollida. Sen dúbida, a presenza da marea azul a pé de supermercado impulsou de maneira positiva as doazóns. Foron máis de 600 voluntarios os que participaron nesta Operación Quilo desenvolta nunha trintena de establecementos Gadis. Contaron con persoal do Banco de Alimentos en localidades como Vigo, Pontevedra, Nigrán, Mos, Ponteareas, Tui, Marín, Bueu, Cambados, Vilagarcía e Lalín.

Un gran impulso

Estes máis de 37.000 quilos de alimentos supoñen un gran impulso nun ano, este 2024, especialmente complicado para o Banco de Alimentos, xa que, deixaron de recibir o Fondo Europeo de Axuda ás Persoas Más Desfavorecidas (FEAD). Durante 2023, a través deste programa, recibiron preto de 500.000 quilos de comida. A partir deste ano, o FEAD está a ser substituído polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+), un novo programa será xestionado e distribuído en exclusiva só por parte de Cruz Vermella, a través de tarxetas moedeiro.

A Fundación Provincial Banco de Alimentos repartiu máis de 1,9 millóns de quilos alimentos durante 2023. Con carácter apolítico e aconfesional, na actualidade atenden a máis 20.000 persoas en situación de vulnerabilidade da provincia ás que chegan a través de máis 150 ONG e entidades homologadas coas que traballan.