
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou unha vertedura de augas residuais ao río Miñor, no concello de Nigrán. Este foco foi localizado no marco das inspeccións rutineiras levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Verteduras, xunto coa Gardería Fluvial de Augas de Galicia, no dominio público hidráulico.
Os técnicos da Xunta identificaron a orixe do foco nunha empresa cuxo sistema de bombeo, que impulsaba as augas residuais xeradas nas instalacións cara á rede de saneamento municipal, non estaba en funcionamento, ocasionando a vertedura á rede de pluviais a través dunha tubaxe e acadando a ría de Baiona.
Ante a deficiencia observada, os técnicos requiríronlle aos responsables da instalación a adopción das medidas correctoras oportunas co obxectivo de emendar ese foco.
Nunha nova inspección xirada á zona con posterioridade, os técnicos da Xunta corroboraron o cese da vertedura tras proceder a empresa á anulación da tubaxe do sistema de bombeo que presentaba conexión cara á rede de pluviais e poñendo en funcionamento o bombeo, cesando deste xeito a vertedura cara ao dominio público.