
O Concello de Nigrán ofrece o sábado 4 de xuño a súa primeira “Noite Moura” na contorna de Monte Castelo (Parada), unha proba nocturna de orientación e aventura dirixida á veciñanza co obxectivo de poñer en valor a zona mediante unha actividade innovadora segura, saudable e de carácter familiar. Novamente, a empresa galega “Territorio Comanche” a deseñou expresamente para o Concello.
Os interesados en participar, en equipos de entre 2 e 5 persoas (todas elas imprescindible que estean empadroadas no municipio de Nigrán) poden anotarse de balde na Oficina de Turismo de Panxón (Gaifar) o 30 e 31 de maio de 9:30 a 14:00 horas e o 1 de xuño de 9:30 a 12:00 horas. O máximo son 150 participantes e a selección realizarase tendo en conta a orde de inscrición e comprobando que todos os membros de cada equipo estean efectivamente censados no municipio, polo que a lista de admitidos será publicada a mañá do venres 3 de xuño en http://www.nigran.es. En calquera caso, resulta recomendable ler previamente as bases na mesma web e levar xa cuberta a ficha de inscrición que alí figura.
A actividade arrancará ás 21:30 horas do sábado 4 de xuño partindo desde o campo de fútbol de Parada. Os participantes deberán percorrer a pé unha distancia variable de 6 a 12 km aproximadamente, por terreo de bosque, intentando localizar unha serie de puntos de control ou balizas e superando diversas probas, tanto físicas como de coñecemento sobre as lendas e mitos galegos. O tempo máximo para realizar a proba é de dúas horas e media, penalizándose o retraso. Os equipos deberán acadar o maior número de puntos posibles decidindo libremente a orde de busca e o ritmo a seguir (andando ou correndo), non sendo obrigatorio o paso por todos eles, polo que a condición física ou idade non é o relevante, o importante é o factor estratéxico, a toma de decisións e o traballo en equipo.
Como xa se mencionou, os equipos deberán estar formados por un mínimo de 2 integrantes até un máximo de 5, e se establecerán dúas categorías: XOVENES CASTORES (onde a lo menos, haxa unha persoa menor de 12 anos) e EXPLORERS (todos maiores de 12 anos e obrigatorio polo menos un maior de idade). Todos os participantes recibirán o material necesario para a realización da proba, contarán con seguro de responsabilidade civil e de accidentes. Os tres primeiros clasificados de cadansúa categoría recibirán diferentes premios, entre eles, una bautismo de surf con Prado Surf e cócteles no Pénjamo, unha invitación a un almorzo ou cea no Chac Mool e un pequeno almorzo ou brunch no Coffe&Meal.