A Xunta de Galicia executará obras mellora nas estradas autonómicas de Gondomar

A voceira do Partido Popular acusa a Paco Ferreira de oportunista ao ser coñecedor de que se reunira con técnicos da Xunta de Galicia para transmitirlle diversas necesidades nas estradas autonómicas, comunicadas por veciños de Gondomar. “O alcalde chamou á súa deputada autonómica Lucía Gallego para quitarse as fotos en lugar de comunicar directamente á Xunta de Galicia as demandas, a fin de darlle solución. O que máis lle importa a este alcalde é a foto”, argumenta Paula Bouzós, que indica tamén o pouco coñecemento que tanto o alcalde como a deputada autonómica socialista teñen das necesidades dos veciños, xa que no escrito presentado no parlamento galego só reclama o arranxo das beirarrúas de Vincios e o tramo de Gondomar a Couso, esquecéndose das necesidades do resto de tramos das estradas autonómicas.

Entre as demandas a Presidenta do PP de Gondomar indicou:

  • Sinalización luminosa nun paso de peóns no núcleo de Vincios, no punto quilométrico 13,700.
  • Sinalización luminosa do paso de peóns antes da rotonda da Garda Civil baixando de Vincios.
  • Un paso de peóns en Couso, na estrada PO-341, na parada do bus existente no lugar de Bastida, no punto quilométrico 15,970.
  • O cambio da velocidade na estrada PO-331, na subida da Ameixeira cara a Vincios de 50 a 70 Km/h, e o estudo de modificar o límite en sentido Gondomar.
  • Posibilidade de cambio de sentido na estrada PO-331 Ameixeira na saída da antiga estrada.
  • Sinalización de límite de velocidade na estrada PO-341 Vincios-Couso, na zona de Donín, entre o quilómetro 1,000 e 1,300.
  • A limpeza e reparación das beirarrúas no núcleo de Vincios, centro de Gondomar e subida a Couso.
  • A limpeza do senda na estrada Gondomar-Ramallosa e unha solución para as illas de vexetación existentes.

A maiores Paula Bouzós sinaloulles outras necesidades das estradas autonómicas no concello de Gondomar, así como agradeceu as obras que se executaron na zona de A Pasaxe “e que viñeron a mellorar enormemente a seguridade da estrada”. Nestes días operarios da Xunta de Galicia están executando varias destas obras como a sinalización a 70 Km/h na subida da Ameixeira ou a limpeza das beirarrúas, e nos vindeiros días acometerán a sinalización luminosa dos pasos de peóns e as demais obras demandadas.

Para finalizar Paula Bouzós recórdalle a Paco Ferreira que a Xunta iniciou en 2018 a tramitación administrativa do proxecto de mellora da seguridade viaria na contorna do treito de concentración de accidentes na PO-331, na parroquia de Vincios, entre os puntos quilométricos 11,200 e 14,600, e foi o alcalde quen o paralizou cando se trataba de consensuar o proxecto cos veciños. “Este proxecto recollía medidas para evitar movementos que provoquen situacións de risco, protexan aos peóns no cruce da estrada e diminúan a velocidade de paso dos vehículos, como son as glorietas, as interseccións ou os pasos de peóns”, especificou.