O Phoenix golpea de novo na Baiona Sailing Week

Segunda e intensa xornada en augas da ría de Vigo para os espectaculares TP52. A frota da ABANCA 52 Super Series • Baiona Sailing Week, organizada polo Monte Real Club de Yates, completou este mércores dúas novas probas no campo de regatas situado fronte ás illas Cíes, e fíxoo de forma rápida ao contar cunhas condicións de vento inmellorables.

Cun total de catro probas acumuladas nas marcadoras, o Phoenix continúa á fronte da clasificación seguido agora polo Quantum Racing, que mellora notablemente os seus resultados do primeiro día, e o Platoon, que ocupa o terceiro caixón do podio provisional.

A nova ración de dúas probas disputadas este mércores permitiu ás tripulacións gozar dun vento que por momentos chegou a superar os 20 nós de intensidade, combinado con pouca onda e un sol que recortou a silueta dos barcos sobre o magnífico fondo das illas Cíes.

O turco Provezza, que sufriu a rotura do seu estay no primeiro día de regatas, non puido recuperarse das súas feridas e reduciu a frota a oito barcos.

Despois de dous días e catro mangas disputadas, a provisional do primeiro evento das 52 SUPER SERIES 2022 segue encabezada polo surafricano Phoenix de Hasso Plattner, con catro puntos de vantaxe sobre o empate entre o estadounidense Quantum Racing de Doug DeVos e o alemán Platoon de Harm Müller Spreer.

Unha crecente frota de barcos de espectadores gozou en vivo da maxia do mellor circuíto internacional de monocascos, que durante toda a semana converte ás Rías Baixas en centro mundial da vela.

Traballada vitoria para Quantum Racing

A terceira proba puntuable da semana, primeira deste mércores, comezou con 16-17 nós de vento de noroeste e unha dirección de vento que chegou a variar ata 20 graos nos seus pouco máis de 50 minutos de duración. Unha contorna inestable que puxo a proba a habilidade das tripulacións e permitiu interesantes cambios de posicións ao longo de toda a proba. O mellor na saída foi o estadounidense Interlodge, que lograba liderar á frota na primeira metade do percorrido. Pero no segundo tramo contra o vento, Quantum Racing aproveitaba un role do vento para colocarse na cabeza e xa non ceder o liderado ata conseguir a súa primeira vitoria parcial da tempada. Segundo na liña de chegada foi Platoon, seguido por un Phoenix que protagonizou unha espectacular remontada desde a última posición coa que montou a primeira boia do percorrido.

Nova demostración de Phoenix

A segunda proba do día comezou con ventos ben por encima dos 20 nós de intensidade. Nesta ocasión, o británico Alegre realizaba a mellor saída polo extremo esquerdo da liña, manténdose na cabeza ata que Quantum Racing chegaba pola dereita para poñerse por diante na chegada á primeira baliza. A rápida popa era aproveitada por Phoenix para adiantar ao barco estadounidense e colocarse líder no paso polo ecuador do percorrido, unha posición que xa non abandonaría ata asinar a súa segunda vitoria parcial da semana. O barco surafricano gañouse o status de rival a bater en augas galegas, e parece contar cun extra de velocidade en todo tipo de condicións. Seguíronlle na liña de meta o Quantum Racing e o Alegre.

Quantum Racing, o mellor do día

Un primeiro e un segundo permitiron ao Quantum Racing regresar a Baiona coa mellor tarxeta do día e ascender da quinta á segunda posición da provisional. No seu debut en augas galegas, o cuádruplo campión das 52 SUPER SERIES non lograba pasar da metade da táboa na xornada inaugural (4+5), pero a subida na intensidade do vento pareceu sentar ben ao barco armado e timoneado por Doug DeVos, que conta a bordo coa axuda do táctico Terry Huchinson, patrón do equipo estadounidense de America’s Cup. Hutchinson recoñécese un namorado da contorna que acolle esta semana ás 52 SUPER SERIES: “Este campo de regatas é impresionante. Vin aquí fai moitos, moitos anos para adestrar co programa illbruck de volta ao mundo, e recordo que era precioso. É un lugar impresionante para regatear”.

O village do Monte Real ameniza as tardes da Baiona Sailing Week

O village do Monte Real reúne cada tarde a participantes, armadores, patrocinadores e colaboradores no centro neurálxico da actividade social da regata, onde os asistentes poden gozar de música e degustacións de man de Coren, Estrella Galicia, Terras Gauda e Martin Miller.

Este mércores, ademais, a Xunta Directiva do club baionés convidou os armadores dos nove equipos participantes a unha cea con produtos típicos da terra, mentres que o venres, ao finalizar a penúltima xornada de regata, celebrarase a esperada cea de tripulacións.

O broche final da axenda social das ABANCA 52 SUPER SERIES • Baiona Sailing Week, organizada polo Monte Real Club de Yates co patrocinio de ABANCA e Turismo de Galicia a través do Xacobeo, poñerao a entrega de trofeos, programada para este próximo sábado pola tarde.