A Xunta investirá 500.000 euros no novo servizo de hospitalización a domicilio do Álvaro Cunqueiro

O Sergas xa avanzou no proceso para dotar de novas dependencias ao servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO), no que investirá 500.000 euros. Así, vén de anunciar a contratación da redacción do proxecto básico e de execución da obra de reforma para a nova localización deste servizo no Álvaro Cunqueiro, por un importe de 29.363,23 euros. Esta nova dotación enmárcase nos 5,7 millóns de investimentos nese hospital, tal e como foi anunciado polo Consello da Xunta de Galicia.

O obxectivo destas actuacións é dotar ao Cunqueiro de novos espazos e equipamento, xa que o Executivo galego considera que, unha vez consolidado este hospital, é o momento de afrontar actuacións para reforzar a súa funcionalidade. Precisamente hai uns días tamén acaba de anunciarse a licitación da obra de Unidade de Necropsias por 300.000 euros. Así, executaranse obras que mellorarán -ademais de áreas de HADO ou Anatomía, Patolóxica- outras como a saúde mental, a cardioloxía, e as enfermidades raras.

Emprazamento definitivo e crecemento de persoal

A pandemia obrigou a diferenciar circuítos Covid/Non Covid, moi especialmente nos servizos de urxencias, e para isto foi necesario expandir o servizo de urxencias, ocupando espazos contiguos asignados a HADO. En consecuencia, de xeito provisional, HADO tivo que ser reubicado na zona de Docencia. Con este proxecto, Hospitalización a Domicilio disporá dun espazo definitivo e ben dimensionado, deseñado para asumir o crecemento de persoal previsto no Plan Autonómico de HADO, que plantea dotalo cun equipo máis, integrado por un facultativo e profesional de enfermaría.

No momento actual, o servizo conta con 15 efectivos -6 médicos/as e 8 enfermeiras/os e 1 administrativo- que dan cobertura domiciliaria a toda a poboación de todos os concellos da Área Sanitaria de Vigo. Presta asistencia a pacientes que, polas súas doenzas ou características, necesitarían ingreso hospitalario pero prefiren permanecer no seu domicilio onde os profesionais sanitarios subministran os mesmos coidados e atencións que nun ingreso hospitalario convencional. Trátanse pacientes con diversas patoloxías, non só oncolóxicos, incluídos enfermos con necesidades paliativas. O pasado ano, os profesionais de HADO atenderon a 885 pacientes nas súas casas.