A baionesa Ainhoa Repáraz acudirá coa selección española ao Meeting Iberoamericano de Huelva

Os atletas da Sociedade Atlética Val Miñor afrontaron unha semana cargada de competicións pero a noticia máis destacada é que Ainhoa Repáraz acudirá coa selección española, o vindeiro día 25 de maio, ao Meeting Iberoamericano de Huelva. Previamente a esta competición, xa acudiu fai un mes a unha concentración da RFEA celebrada en Valencia. A selección española levará equipo de 4×100 en todas as categorías nun Trofeo Ibérico no que se verán as caras co equipo portugués.

No terreo competitivo tiveron un fin de semana moi completo, no tocante a actividade atlética. En Pontevedra disputouse o Campionato Galego sub 18. O equipo, debido á participación de Ainhoa coa selección, non puido acudir coa mellor baza pero acudiron outros 6 atletas: Jesús González en peso e disco, Nayr Cortegoso en 100, lonxitude e 4×100, Patricia Troncoso e María Amador en 4×100, Manuela González en altura e 4×100 e Nadia Lía Fernández en 800. O mellor resultado acadouno o gondomareño Jesús González, que proclamouse novamente campión galego de disco sub 18 cun mellor lanzamento de 34,76. Ademais foi praza en peso cun mellor tiro de 12,87. Nas mulleres a mellor foi Nadia Lía Fernández, que acadou o bronce en 800 (2:27.97). Nayr Cortegoso competiu en tres finais (lonxitude, 100 e 4×100), e Manuela González quedou cuarta con 1,47 en altura.

Outro fronte foi para os máis novos (categoría sub 10 e sub 12), que acudiron a Vigo a unha nova competición de deporte escolar, onde unha vez máis puideron desfrutar dunha xornada lúdica e formativa que é o máis importante nestas categorías. Ao marxe do anterior, tamén tiveron representación do club na primeira xornada das Series Municipais de Vigo, onde destacaron os seus atletas Marina González e Ricardo Cortizo, que conseguiron senllos terceiros postos en 200 m.