Baiona abre o prazo de inscrición para o terceiro “Safari Etolóxico de Garranos”

A Concellería de Turismo do Concello de Baiona informa de que o luns 23 de maio ás 00:00 horas ábrese o prazo de inscrición do terceiro roteiro guiado gratuíto para observar e coñecer o comportamento dos garranos, cabalos salvaxes da Serra da Groba, na súa contorna natural.

Ante o gran éxito de participación e a demanda de prazas, as inscricións canalizaranse unicamente a través do correo electrónico oficinadeturismo@baiona.gal por orde de entrada cun máximo de 4 persoas por solicitude. As prazas están limitadas a 20 (a partir de 6 anos).

O terceiro “Safari Etolóxico de Garranos” será o domingo, 5 de xuño, e o horario de saída será as 9:00 horas. O punto de encontro é o exterior da Oficina de Turismo de Baiona, desde onde sairá o autobús que leve ás persoas participantes ata o Monte da Groba para gozar dunha experiencia única.