O Val Miñor fomenta o uso axeitado dos parques biosaudables

Este xoves presentouse no Complexo Deportivo “O Aral”-Fontiñas, en Baiona, o proxecto “Fomento do uso axeitado dos parques biosaudables no Val Miñor”. Ana María Tiago González, Fisioterapeuta da Unidade de Fisioterapia de Atención Primaria do Centro de Saúde de Val Miñor, explicou detalladamente cada un dos usos das diferentes máquinas. Tamén interviñeron Roberto Devesa, Subdirector Médico de Atención Primaria da Área Sanitaria de Vigo, Carmen Soto, Subdirectora de Enfermería de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo, o Alcalde de Nigrán, Juan González, e o e Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, que exerceu de anfitrión. Entre o público numerosas persoas participantes no proxecto de marcha nórdica que tanto éxito tivo entre a poboación da comarca.

Nos centros de saúde do Val Miñor informarase sobre o proxecto de fomento do uso axeitado dos parques biosaludables. Haberá tamén charlas explicativas en cada un dos concellos. Así en Gondomar será o 30 de maio ás 10:30 horas e o 6 de xuño ás 11:30 horas no Parque das Ánimas. En Nigrán, o 31 de maio ás 11:00 no parque biosaludable de Panxón (ao carón do Pavillón Municipal) e o 7 de xuño no parque biosaludable de Priegue (ao carón da rotonda de Prado). En Baiona serán o 14 de xuño e o 21 de xuño ás 11:00 no parque biosaludable do Aral. Para participar na actividade basta con presentarse en calquera destes lugares á hora sinalada, non é necesario inscrición previa.

A idea do proxecto xorde na Unidade de Fisioterapia de Atención Primaria do Centro de Saúde Val Miñor, coa colaboración do persoal de Enfermería Comunitaria, ante a necesidade de achegar a súa labor á poboación. O obxectivo é mellorar o nivel de saúde da comunidade, fomentando o exercicio físico.

“Neste aspecto traballamos todos os días na nosa unidade, intentando concienciar ás persoas do importante que é que nos responsabilicemos da nosa propia saúde, fomentando o cambio dos hábitos de vida; de aí o logo das xornadas “A túa saúde nas túas mans”, sinala Ana María Tiago González, Fisioterapeuta da Unidade de Fisioterapia de Atención Primaria do Centro Saúde Val Miñor.

Este proxecto foi elaborado integramente pola Unidade de Fisioterapia do Centro de Saúde de Val Miñor pero, coma outras actividades comunitarias postas en marcha dende o centro de saúde, requiren e contan coa colaboración dos concellos de Baiona, Gondomar e Nigrán para que se poidan levar a cabo.

Por iso, a sanitaria non dubidou en contactar cos concellos do Val Miñor para expoñerlles este proxecto pioneiro e solicitar a súa colaboración. A resposta por parte das administracións locais de Baiona, Gondomar e Nigrán non se fixo esperar e de seguido mostraron o seu apoio encomiando a iniciativa.

Os parques biosaudables son un recurso accesible para a meirande parte da poboación, que ao mellor por incompatibilidade de horarios ou falta de recursos económicos non poden acudir a un centro para realizar actividade física. Polo que por un lado, hai que fomentar o seu uso xa que só os utiliza unha pequena parte da poboación, e, por outro lado, ensinarlle á poboación a forma axeitada de utilizalos para evitar lesións. De aí, o nome do proxecto “Fomento do uso axeitado dos parques biosaudables no Val Miñor”.

Está dirixido á toda a poboación adulta, pero sobre todo aos maiores, buscando un envellecemento activo que mellore a súa calidade de vida e lles axude a previr patoloxías. Para a unidade de fisioterapia este proxecto supón achegar o seu traballo diario na procura de mellorar a función das persoas, fóra das paredes do centro de saúde, achegándose á poboación. Para o centro de saúde este proxecto supón a continuidade da actividade na comunidade, que fai tempo se iniciou con outros proxectos: andainas, marcha nórdica…