Catorce residentes finalizan a súa formación en Ribera Povisa

O hospital Ribera Povisa despide hoxe a catorce médicos residentes que finalizan a súa formación MIR nas especialidades de Anestesioloxía e Reanimación, Cirurxía Xeral, Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía, Medicina Interna, Radiodiagnóstico e Medicina de Familia e Comunitaria.

O acto de despedida foi presidido polo xerente, Rafael Cabadas, xunto a Álvaro Pedrosa, adxunto á xerencia, e Javier de la Fuente, responsable da Comisión de Docencia. Todos eles felicitaron aos residentes pola súa “alta cualificación”, en palabras de Javier de la Fuente, tras un período formativo que toca hoxe ao seu fin e que se desenvolveu, en boa parte, durante a pandemia de Covid. A todo o equipo ofrecéuselle un contrato para continuar o seu labor en Ribera Povisa.

Unha xornada solemne e emotiva que os representantes do hospital pecharon con “orgullo”, como destacou Rafael Cabadas, e a satisfacción “do deber cumprido”. “Traballamos e ensinámosvos”, subliñou Francisco Tardáguila, xefe do servizo de Radiodiagnóstico e Radioloxía presente tamén no acto, quen lles desexou “que gocedes da vosa profesión porque do traballo vai depender, en gran medida, a vosa felicidade”. Javier de la Fuente, pola súa banda, convidoulles a saudar esta nova etapa “coa mesma ilusión e interese que nos demostrastes”.

Dentro do plan de aposta pola excelencia na calidade asistencial ao paciente, a formación é un factor estratéxico para Ribera Povisa, sendo na actualidade o único hospital privado de Galicia, e dos poucos de España, que conta con formación MIR, á que se suman as especialidades de FP e Enfermería do Centro de Estudos Povisa.