
O Concello de Nigrán vén de sacar a licitación a explotación da cafetería do complexo deportivo municipal Dunas de Gaifar (Panxón) tras sometela a unha ampla renovación cun investimento de 48.348 € e co obxectivo de que estea aberta xa antes do verán. Os pregos están pendurados na Sede Electrónica-Perfil do Contratante en http://www.nigran.es e o prazo de presentación de propostas permanece aberto ata o 30 de Maio. O canon mínimo é de 25.243,73 €/ano e o único criterio de adxudicación será a mellora do mesmo.
Como principal novidade, o período de explotación aumenta dos 4 anos anteriores a 8 anos con posibilidade de prorrogarse outros 4 en períodos bianuais. O outro gran factor diferenciador é que esta adxudicación cínguese ao inmoble da cafetería, zona de terraza, WC, e vestiarios, desligándose por vez primeira por completo da xestión da zona verde e deportiva, que seguirán baixo a xestión do Concello. “Parecíanos que era conveniente neste contrato separar estes dous aspectos a tenor das experiencias anteriores, cremos que isto reverterá nun mellor funcionamento de todo o conxunto”, considera o alcalde, Juan González, quen amosa a súa satisfacción co resultado das obras emprendidas “tanto pola nova imaxe como pola absoluta mellora da accesibilidade”.
Igualmente, os pregos contemplan que debe abrir durante todo o ano e durante toda a concesión cun horario mínimo de 9:00 a 22:00 horas, podendo pechar un día a semana na tempada de outubro a maio e debendo respectarse os horarios acordes á licenza de cafetería. “Cremos que pagou a pena a espera. Este verán abrirá ao fin xa cunha imaxe totalmente renovada para ofrecer un servizo de calidade a veciños e visitantes nunha zona onde ademais existe esta demanda ao estar ao carón da praia e o centro de saúde”, explica o alcalde, quen incide en que “pola propia normativa non está permitida a actividade de ocio nocturno”.
Instalacións renovadas
As obras incluíron reparar ou repoñer todos os elementos que non se atopaban en condicións óptimas ou foran retirados, así como mellorar a accesibilidade. Non se realizaron cambios na distribución dado que o uso de cafetería se manterá igual nin se interveu na parcela exterior. As obras incluíron a reparación da cuberta, petos, e revestimentos ou a mellora das instalacións eléctricas, de ventilación ou fontanería e eliminación de barreiras arquitectónicas
Igualmente, elimináronse os cortaventos do alzado nordeste por impedir a accesibilidade e dotáronse aos aseos do equipamento preciso para persoas con mobilidade reducida, xa que carecía del. Paralelamente, debido ao seu mal estado, reparouse por completo a cuberta e os seus petos e substituíuse o canlón; completouse as instalacións de fontanería e eléctrica (faltaban moitas luminarias e algunha toma); implementouse a ventilación e repúxose o pavimento da zona pública da cafetería (o linóleo estaba moi desgastado e presentaba irregularidades). Finalmente, as carpinterías exteriores de aceiro foron renovadas dado o seu gran deterioro, mentres que as interiores só precisaron ser pintadas e reparadas puntualmente. As obras incluíron o pintado da fachada e dos interiores (atendendo tamén aos seus revestimentos).
Adicionalmente, cunha finalidade estética, instaláronse pezas de madeira en vertical en dous tramos de fachada, por un lado na que dá cara as pistas de tenis e, por outro, na posterior, co fin de limitar o impacto visual das instalacións de aire.
“Entregaremos ao futuro concesionario unha cafetería renovada e en perfectas condicións para exercer a súa actividade, que é o que máis nos preocupa porque niso vai tamén a imaxe de Nigrán”, finaliza o rexedor.