Nigrán renova toda a sinalización do espazo dunar de Praia América-Lourido

O Concello de Nigrán dá un paso máis na posta en valor do espazo dunar de Praia América-Panxón ao renovar a totalidade da sinalización do ecosistema dunar Praia América-Panxón. Os veciños, e visitantes, atoparanse xa cunha sinaléctica homoxeneizada e con contidos actualizados, relevando así á anterior, moi deteriorada tralo paso dos anos, con deseños inconexos e un tratamento interpretativo dos textos desfasado.

“Os paneis que había tiñan décadas de antigüidade, foron feitos en diferentes épocas con distintos materiais e deseños e estaban moi danados polo efecto do sol e a salinidade ou mesmo presentan pintadas. Agora outorgamos unha visión de conxunto uniforme cunha información actualizada e un deseño atractivo”, xustifica o alcalde, Juan González.

A nova sinalización inclúe fotografías, infografías ou debuxos e ofrece unha información xeral sobre a importancia do ecosistema dunar, ademais de información específica sobre as especies máis emblemáticas da súa flora e fauna (moitas delas únicas e ameazadas pola perda destes espazos) así como da problemática das especies exóticas invasoras. A maiores, nesta renovación incorpóranse tamén paneis panorámicos para a interpretación da paisaxe e a evolución histórica do ecosistema. “En definitiva, invita a realizar o paseo completo ao tempo que concienciará sobre a importancia de preservar este espazo”, incide González.

Así, consta dunha mesa panorámica instalada na zona da desembocadura do río Muíños cunha ortofoto onde se visualizan os elementos representativos da paisaxe; dous paneis xerais sobre o ecosistema dunar no principio e fin das dunas; un panel en perspectiva lonxitudinal do ecosistema dunar e unha infografía sobre a gradación das distintas áreas dunares; un panel sobre as especies invasoras de flora e o seu impacto; outro panel coas especies de flora dunares, a súa importancia e as súas ameazas; un panel sobre aves máis representativas da contorna no observatorio ornitolóxico; un panel sobre a Historia e evolución do ecosistema dunar que contrapoña fotos antigas e actuais; un panel sobre a fauna das dunas (anfibios, moluscos, lepidópteros, insectos); dous paneis de zona prohibida a cans na desembocadura do río Muíños para a protección das aves e explicación do motivo; e, finalmente, dous paneis da zona prohibida ao baño na desembocadura do río Muíños.

“Trátase de dar unha continuidade ás actuacións que vimos realizando desde hai anos para por en valor a contorna”, destaca o rexedor. De feito, esta iniciativa engádese á recente creación dunha micro-reserva piloto na zona dunar de Lourido (agora tamén protexida) ou dotar ao paseo do primeiro observatorio de aves, instalar máis ramplas accesibles, mellorar o peche perimetral ou realizar roteiros de sensibilización ambiental e xornadas de voluntariado destinadas a erradicar a herba carniceira e a margarida africana, dúas especies invasoras con gran presenza.