Últimos días para inscribirse no curso gratuíto de manipulador de alimentos e atención ao cliente de Nigrán

O Concello de Nigrán pecha este luns 16 de maio o prazo de solicitude para realizar un curso gratuíto de “Hixiene, manipulador de alimentos e técnicas de venda” na hostalaría dirixido a empadroados e prioritariamente desempregados (en caso de non cubrirse as prazas admitiríanse persoas empadroadas que si estean traballando). A duración do mesmo será de 10 horas e desenvolverase o 23, 24 e 25 de maio no Centro Antena (Otero Pedrayo, 52- Nigrán). O prazo de inscrición está aberto ata o 16 de maio, ben a través de Rexistro ou Sede Electrónica. Toda a información está pendurada na web no apartado “Taboleiro de Anuncios”.

“Os servizos técnicos do Concello consideraron moi conveniente a realización deste curso ante a previsión de que aumente a demanda destes perfís laborais, sendo ademais obrigatorio dispor do carné de manipulador de alimentos se vas a traballar na hostalaría”, explica o alcalde, Juan González, quen avanza que nas vindeiras semanas serán ofertadas máis accións formativas que permitan aumentar a empregabilidade dos veciños en paro tendo en conta a demanda no municipio.

Neste caso, o criterio de selección dos participantes seguirá un baremo no que contará ter formación relativa ao curso ou experiencia laboral ao respecto e, finalmente, en caso de empate seleccionarase por orde de inscrición.