Podemos Val Miñor apoia a concentración contra a “desfeita ambiental” en Cabo Estai

Na mañá deste venres representantes dos Círculos do Val Miñor reuníronse con Meli Vázquez, portavoz de Podemos Vigo, para coñecer de primeira man “a terrible agresión que sofre o litoral de Cabo Estai”.

“O proxecto urbanístico que desolou esta zona da costa de San Miguel, consiste na construción de 6 chalés e un viario de acceso, que aínda que conta coas licenzas municipais precisas, non cumpre coa normativa vixente de costas. Esta non é a única causa para considerar este proxecto de dubidosa legalidade, xa que o viario de acceso a estas parcelas construíuse en terreos particulares de veciñas e veciños de San Miguel de Oia”, aseguran desde a formación morada.

Por todo o anteriormente exposto, os Círculos da área metropolitana de Vigo únense á loita da veciñanza de San Miguel de Oia asistindo tamén á concentración que se celebrou este sábado no propio lugar dos feitos.