Baiona mantén a bandeira azul nas súas seis praias

Un total de 112 praias galegas pertencentes a 34 municipios terán este verán unha bandeira azul, distintivo co que cada ano a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece a areais de todo o mundo en base a criterios de sustentabilidade e de servizos.

De todas as praias galardoadas nesta última edición cómpre subliñar que tres lucirán a bandeira por primeira vez: Porto Suevos, no concello de Arteixo; Banda do Río, en Bueu; e Santa Baia, en Vigo. Ademais, a de Fontela Valea, en Barreiros, volve sumarse á listaxe de areais galegos con esta distinción, despois de que o ano pasado non a recibira.

No que respecta á comarca do Val Miñor, Baiona obtivo un total de 7 galardóns. Así, a Bandeira Azul volverá ondear nos seis areais do municipio por segundo ano, Barbeira, Concheira, Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta, e no porto deportivo do Monte Real Club de Yates. Nigrán decidiu no 2019 declinar solicitar as insignias “porque supoñen máis contraprestacións que beneficios para as praias”.

Galicia concentra unha de cada cinco das bandeiras concedidas en 2022 en todo o país, con 112 areais recoñecidos que se estenden ao longo de 42,7 km. Deste xeito, consolida a súa posición entre as comunidades españolas que reciben cada ano un maior número de distintivos azuis para as súas praias, xunto á Comunidade Valenciana e Andalucía.

Ademais, 11 portos deportivos galegos tamén lucirán unha bandeira azul este verán; 14 instalacións dedicadas á educación ambiental e á atención aos visitantes terán a consideración de centros azuis; e 29 rutas converteranse en sendeiros azuis.

Este balance, cun total de 166 distintivos concedidos a Galicia entre praias, instalacións portuarias, centros e sendeiros, supón un aumento de 11 respecto aos datos do ano pasado, cando a cifra de areais galegos con bandeira azul foi de 111 —1 menos que en 2022—. De igual xeito, a Comunidade tamén suma un novo centro azul, ao incorporarse por primeira vez o centro de visitantes do Faro de Cabo Vilán, en Camariñas, e engade 9 sendeiros azuis á vintena do pasado ano, mentres que o número de portos que lucirá este emblema se mantén sen cambios respecto a 2021.

Así mesmo e por primeira vez, Adeac concedeu en España 9 mencións especiais a municipios con bandeira azul que teñen demostrado un esforzo notable por avanzar nalgunha destas tres áreas: educación ambiental, socorrismo e praias inclusivas. Precisamente, cómpre subliñar que unha destas mencións recaeu no concello lucense de Burela, en recoñecemento ao labor que desenvolve no eido da educación ambiental.

Municipios con máis galardóns e datos por provincias

Nesta edición de bandeiras azuis, Sanxenxo volve repetir como o municipio de toda España con máis areais galardoados, un total de 17, a mesma cifra que o ano pasado. En todo caso, cómpre subliñar que este concello suma ademais outras tres distincións para os seus portos deportivos e terá de novo un centro azul. En Pontevedra destacan tamén Vigo, que suma 11 areais —1 máis que en 2021 grazas á incorporación de Santa Baia—; Baiona, con 6 praias e 1 porto galardoados; Cangas, 5 praias e 1 porto; Marín, 5 praias e 2 centros azuis; e Bueu, tamén con 5 areais e 2 centros azuis.

Así mesmo, no caso da provincia coruñesa o municipio de Arteixo volve ser o que concentra máis bandeiras azuis, un total de 8; seguido da cidade da Coruña —5 areais e 1 porto— e de Oleiros —que este ano terá 5 praias con bandeira e 2 centros azuis—.

Por último, Foz volve ser o concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; mentres que Barreiros, con 3, recupera a bandeira azul para o de Fontela Valea; e Burela consigue o recoñecemento de Adeac para 3 das súas praias e 2 centros azuis.

Criterios de excelencia

Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis en praias e portos deportivos están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade destes espazos. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Un ano máis, España é o país que concentra o maior número de bandeiras azuis de todo o mundo. En concreto, recibirá 729 galardóns, dos cales 621 ondearán en praias de distintos puntos do país, 103 irán a parar a portos deportivos e 5 a embarcacións turísticas. Así mesmo, tamén contará con 79 centros azuis.

Neste sentido, a Xunta felicita a todos os municipios galardoados polo esforzo realizado para presentar as mellores e máis completas candidaturas e lograr un recoñecemento consolidado xa a nivel internacional como símbolo da calidade e excelencia das praias, portos, sendeiros e centros da natureza que hai en Galicia.

Por último e con relación aos sendeiros azuis, cómpre precisar que este ano Adeac decidiu convocar estes distintivos como un programa independente. O acto de entrega deste galardón aos 86 roteiros galardoados en España —29 deles en Galicia, que volve ser a Comunidade con máis sendeiros azuis— realizarase o 26 de maio en Madrid.