Obradoiro sobre a xestión innovadora do patrimonio cultural en Porto do Molle

Milculturas, consultora para a xestión innovadora do patrimonio cultural, inaugura este venres 13 de maio a súa rolda de obradoiros inspiracionais sobre a xestión innovadora do patrimonio cultural. O primeiro obradoiro presencial dedicado a rexenerar o desenvolvemento local, activando e potenciando os recursos culturais da zona, impartirase no Centro de Negocios Porto do Molle de Nigrán. Comezará ás 16:00 horas en Mollo Espazo Gastronómico cunha duración de 3 horas, cun prezo de 29,90 euros. As inscricións poden formalizarse no correo info@milculturas.com.

Milculturas asesora institucións públicas e privadas que xestionan proxectos de patrimonio cultural e necesitan mellorar o seu impacto positivo no territorio. Traballan a posta en valor dos recursos patrimoniais co obxectivo de obter maior sustentabilidade económica, ambiental e social nos territorios.

Da man de Agustina Patiño, nace Milculturas, a metade de camiño entre España e Arxentina, empapándose no inmenso océano da realidade cultural iberoamericana. Este proxecto é o resultado dunha vida marcada pola viaxe, a migración, o amor polo territorio e a defensa da cultura como recurso de desenvolvemento local.

Agustina é arquitecta e especialista en dirección de proxectos e xestión de patrimonio cultural. Hai case 10 anos que se dedica a coordinar proxectos de desenvolvemento local, pero non foi ata hai uns meses, cando decidiu embarcarse na aventura e poñer en marcha a súa empresa. É fundadora de Milculturas e co-fundadora de Migrarte, plataforma iberoamericana de intercambio para artistas.

Un dos principais obxectivos de Milculturas, é axudar a conseguir cidades máis sostibles activando os recursos culturais da comunidade, desde a innovación e creatividade, empoderando ás persoas, potenciando ás empresas e axilizando o sector público.

Entre os servizos que ofrece este innovador proxecto, atópase o servizo de consultoría, onde ofrecen axuda para implementar ferramentas de xestión innovadora e conseguir así que tanto as empresas privadas como o sector público, consigan ser máis eficientes nos teus proxectos. E é que a innovación no sector público, máis que unha necesidade xa é unha tendencia!

Doutra banda, na área de formación, Milculturas imparte obradoiros, cursos e charlas de participación cidadá onde ensina aos asistentes ferramentas, metodoloxías e estratexias, ademais de axudar a coñecer, valorar e xestionar todos os recursos culturais existentes da nosa contorna.