
O pleno de Gondomar rexeitou unha moción presentada polo Partido Popular na que solicitaba instar á Deputación de Pontevedra a que aprobe un plan económico específico para apoiar aos pequenos e medianos concellos da provincia ante o aumento esaxerado do gasto corrente, producido principalmente polo incremento do prezo da luz, dos combustibles e das subministracións de materiais.
Na súa exposición Paula Bouzós argumentou que o aumento do prezo das subministracións e materiais de obra para os mantementos, están minguando as economías domésticas, a competitividade das empresas e, tamén, está asfixiando aos concellos. As previsións máis optimistas calculan que o gasto corrente nos concellos incrementarase de media un 40%, situación que provocará unha crise moi grande para as entidades locais, nas cales o gasto corrente xa ocupa a parte máis importante dos ingresos, serán incapaces de asumir este aumento dos prezos.
“No debate o alcalde Paco Ferreira votou en contra, saíndo en defensa da Deputación Provincial da súa compañeira de Partido Carmela Silva e en detrimento dunhas mellores condicións de vida dos veciños de Gondomar. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PSOE e as abstencións do BNG e Ciudadanos”, lamenta Bouzós.
No mesmo pleno tamén se debateu unha moción na que se solicitaba o arranxo dos camiños do Laranxo e Freixeiro na parroquia de Chaín. A moción contou co voto a favor de todos os partidos da oposición e o rexeitamento do goberno municipal, “demostrando deste xeito o pouco que lle importan as parroquias”.
“Neste pleno quedou evidenciado o pouco que lle importa o benestar dos veciños a Paco Ferreira, así como a dotación de servizos ás parroquias”, remata dicindo Paula Bouzós.