Este sábado celebrouse no pavillón municipal da ETEA de Vigo, o Campionato Galego Base e Elite de ximnasia acrobática. O club Zona Acrobática de Asturias, Treboada de Pontevedra, Burgas de Ourense, CDXR Compostela, Gondomar Acro Club, Acro Club Nigrán e Flic Flac foron os clubs participantes. O club gondomareño participou con catorce ximnastas repartidas en cinco equipos, catro tríos e unha parella feminina.
Na xornada de mañá participaron co trío Júnior Base quedando en sexta posición, un equipo que esta tempada sufriu a lesión dunha das compoñentes tendo que adaptarse ás circunstancias e en tan só un mes conseguiron facer un exercicio moi digno coa maior dificultade de todos os participantes na súa categoría.
Na xornada de tarde, o equipo de Helena, Aroa e Candela conseguiu a medalla de bronce na categoría Infantil Base e, xunto ás súas compañeiras Inés, Nerea, Lara, Evelyn, Clara e Carla, conseguiron a terceira posición na clasificación por Clubs.
As máis peques do club, Claudia e Sira de tan só 10 e 7 anos respectivamente, conseguiron unha 4º posición en categoría Alevín Base, manténdonos en albas ata o último momento.
“Estou moi orgullosa de todas e cada unha das ximnastas, aumentaron a dificultade nos seus exercicios e sobre todo demostraron que ante as dificultades somos un gran equipo e xuntas podemos soñar. Próxima parada… Campionato de España en Sevilla a mediados de xuño, soñamos xuntos?”, comenta a adestradora Cristina Castro moi feliz.
Resultados:
Categoría Júnior Base:
- Trío feminino: Lía Hermida, Naiara Araujo e Vera Fernández, sexta posición.
Categoría Infantil Base:
- Trío feminino: Helena Veiga, Aroa Araujo e Candela Alonso, medalla de bronce.
- Trío feminino: Inés Román, Nerea Gallego e Lara Cabral, sétima posición.
- Trío feminino: Evelyn Lorenzo, Clara Quintas e Carla Albores, novena posición.
Clasificación por clubs:
- Categoría Infantil Base: medalla de Bronce.
Categoría Alevín Base:
- Parella feminina: Claudia Comesaña e Sira Cedeira, cuarta posición.



