A Carabela Pinta pon rumbo a un estaleiro de Vigo para traballos de mantemento

A Carabela Pinta partía esta mañá do pantalán Cristobal García Sarmiento e poñía rumbo aos estaleiros “Montenegro” de Vigo, onde está previsto que estea en dique seco durante unhas catro semanas. A Concellería de Cultura do Concello de Baiona xestionou o traslado e os traballos de mantemento da réplica. Trátase dunha varada de mantemento rutineira, programada de acordo co protocolo do departamento, que contempla realizar estes traballos cada cinco anos, e os últimos foron en 2017.

A Carabela foi remolcada ata a Torre do Príncipe pola embarcación “El Capitán”, a “Sálvame I”, unha pneumática Vanguard de 8 metros e medio de eslora, e unha embarcación de apoio Vanguard de 6,2 de eslora do Monte Real Club de Yates, que axudaron á Pinta na saída da súa praza de amarre dentro do porto. Desde a Torre do Príncipe fíxose cargo do traslado o remolcador “Sebastián de Ocampo”. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, sinala que“desde o Monte Real Club de Yates sempre están dispostos a botarnos unha man, polo que agradezo enormemente a súa colaboración na saída da Carabela á baía”.

A visita á réplica da Carabela Pinta é un dos grandes atractivos que ofrece a Real Vila. Pola cuberta da embarcación pasa un gran número de persoas para visitar as instalacións e coñecer o seu interior, que alberga un museo colombino que recrea aos membros da tripulación, os indíxenas americanos e os obxectos traídos do novo mundo.