
Tras dous anos de parón obrigado pola crise sanitaria, embarcacións e mariñeiros volverán vestirse de gala para homenaxear á Virxe do Carme nunha edición reducida e que estará centrada nos actos principais. Desde a Confraría “La Anunciada” están a ultimar os flocos para a súa celebración mentres se coordinan co párroco Manuel Salcidos para fixar unha data en firme. O seu patrón maior, Jose Miguel Sotelo, adiantou que tratarán de que se leve a cabo o 17 de xullo e no caso de que non sexa posible, a festividade adiantarase ao 10 dese mesmo mes.
Polo momento está confirmada a misa de campaña a pé de porto, a tradicional ofrenda floral en fronte do parador, a homenaxe ao mariñeiro máis lonxevo e o acto estrela do día, a procesión por terra e por mar en honra á súa patroa. Por contra, a participación da Banda de Música Municipal de Baiona aínda está no aire e do mesmo xeito ocorre con outro dos grandes actos, a Danza das Espadas, que de asistir precedería ao roteiro marítimo. Aínda está por decidir o veterano do gremio que este ano será obxecto de honras aínda que o pósito ten a varios candidatos en mente.
Deste xeito, as festas que habitualmente teñen varios días de duración quedarán reducidas a un por motivos organizativos, descartando a verbena e a tirada de fogos de artificio. “Tras o parón non tiñamos claro que puidese recuperarse o formato habitual de pre-pandemia así que decidimos retomar a cita centrándonos nos actos máis importantes”, explica Sotelo. En poucos días darán a coñecer o cronograma en firme aínda que apenas diferirá do de anos anteriores. Nesta orde a imaxe será portada desde a Capela da Misericordia a lombos dos mariñeiros ata o peirao; ás 17 horas, liturxia; homenaxe ao máis lonxevo, Danza das Espadas, romaría marítima e para finalizar, comitiva por terra ata o punto de partida.