
Os xardíns da Biblioteca Pública Municipal de Baiona acolleron este sábado o acto de homenaxe ao persoal sanitario e aos voluntarios e voluntarias de Protección Civil do Val Miñor. O grupo de fusión de arte do Val Miñor “Solaina”, integrado por Soledad García, Laine Villero e Natalia Guisande, presentaron o seu novo proxecto “PoemarCovida” co Concello de Baiona, unha mestura de poesía, pintura e deseño, para facer unha homenaxe ao persoal sanitario do Val Miñor e deixar constancia na contorna máis local da situación vivida, pois a cultura non é allea ao que sucede.
A escritora Soledad García realizou un recital poético para os asistentes, amenizado polo guitarrista Pablo Prego do centro de música Gain Over. O recital foi o fío condutor que formou parte do acto de homenaxe organizado polo Concello de Baiona. En canto ás intervencións, Iago Pereira, Presidente de Protección Civil Val Miñor, compartiu a experiencia vivida polos voluntarios e voluntarias e agradeceu ao Concello de Baiona esta homenaxe en recoñecemento ao seu traballo.
Pilar Covas, médica e coordinadora do Centro de Saúde do Val Miñor, falou en representación do persoal sanitario, para expoñer aos alí presentes o experimentado durante a pandemia por este colectivo. Tamén dedicou unhas palabras a agradecer este recoñecemento. Tamén interveu Luis Suárez, médico e xefe da sección de críticos cirúrxicos no Hospital de “La Paz” en Madrid, que tamén coordinou unha das unidades COVID e que deu a coñecer o vivido no seu centro.
Pola súa banda, o Alcalde de Baiona, pechou a quenda de intervencións, cun discurso no que agradeceu a ambos colectivos polo seu traballo durante os anos difíciles de pandemia. O rexedor tamén tivo unhas palabras para as persoas que perderon a vida. “O meu recoñecemento a ambos colectivos esténdese máis aló dese gran labor iniciado fai máis de dous anos, cando empezaron a batallar contra este virus, o meu recoñecemento é tamén ao seu labor diario. Brillaron polos seus xestos e polos feitos. Así que hoxe é o momento de agradecer o traballo que cada un destes especialistas realizaron. Hoxe é un día especial, o día de recoñecer o traballo ben feito, un día para compartir o recordo e tervos presentes a todas e todos, os que están e os que sufriron a máis dura das consecuencias desta dura pandemia. Un recordo para todas esas vítimas que perderon a vida e tamén para todas as que padecen as secuelas desta enfermidade”.
Un recoñecemento que en palabras de Gómez Prado “trátase dun agradecemento sincero a todos e todas os que velastes polo nosa saúde e seguridade, polos que coidastes do noso ben más prezado, a nosa saúde. Un agradecemento que non dubido en que o conxunto da sociedade coincide en dárvolo. Polo que este é un recoñecemento de toda a cidadanía do Val Miñor”. Entre as persoas asistentes ao acto de homenaxe estaban representantes dos distintos Centros de Saúde do Val Miñor, voluntarios e voluntarias de Protección Civil, membros da Corporación do Concello de Baiona e representantes de distintas asociacións baionesas.