A Unidade do Paciente Crónico de Ribera Povisa evita un milleiro de ingresos de pacientes vulnerables

A Unidade de Paciente Crónico de Ribera Povisa evitou 922 estancias hospitalarias desde a súa implantación, a finais de 2020. O servizo está dirixido a persoas de idade avanzada -a media é de 84 anos- con enfermidades crónicas como insuficiencia cardíaca, enfermidade pulmonar obstructiva crónica e hepatopatía e con varios ingresos por descompensacións. O obxectivo é actuar de maneira precoz ante calquera crise e diminuír as visitas aos servizos de urxencias e os ingresos, mellorando a súa calidade de vida.

O equipo, integrado pola doutora Luisa Valle e a enfermeira Montse Iglesias, xestiona consultas telefónicas e presenciais cuxa frecuencia varía en función de cada caso. Ademais dun seguimento estreito, ofréceselles información sobre a enfermidade e os signos de alarma, recomendacións para a vida diaria, entrégase unha folla de tratamento actualizada e planifícanse controis e probas que evitan desprazamentos innecesarios.

Existe tamén outro tipo de consulta, non programada, que se produce cando é o paciente quen chama advertindo dunha crise ou un empeoramento. Neste caso, avalíaselle directamente no Hospital de Día da Unidade de Paciente Crónico sen pasar por urxencias. Tras a administración de tratamento, e segundo a resposta clínica, determínase o ingreso directo, seguimento domiciliario xa sexa teleasistido ou co servizo de hospitalización a domicilio ou planificación dun seguimento estreito en consulta.

Esta atención personalizada está centrada nas necesidades do usuario e dos seus familiares, para que se manteñan o maior tempo posible estables e na súa contorna habitual. Ao reducir os ingresos innecesarios, evítase tamén a deterioración funcional que conleva a hospitalización.

O paciente está en todo momento arroupado polo equipo, que consegue que se implique activamente no seu coidado persoal, tomando de forma correcta o tratamento, controlando o seu peso e realizando exercicios en casa. Para os afectados por EPOC acábase de poñer en marcha ademais un programa de rehabilitación respiratoria deseñado a medida co fisioterapeuta Adrián Martín, onde se avalía a técnica de inhalación e elabórase un plan de exercicios para aumentar a forza e a capacidade pulmonar.