Gondomar instala un punto de recarga gratuíto para dous vehículos eléctricos

O Concello de Gondomar, consciente da importancia do problema que supón o cambio climático e a necesidade de potenciar o uso de enerxías limpas, vén de poñer en marcha un cargador para vehículos eléctricos situado no aparcadoiro da Policía Local. Este cargador dispón de dúas tomas de carga rápida e poderá ser utilizado de forma gratuíta durante un período máximo de dúas horas.

O rexedor local destaca que “esta acción nos permitirá ofrecer un servizo tanto aos vehículos eléctricos ou híbridos enchufables de persoas de Gondomar, como tamén ofrecer un servizo a aqueles que nos visiten”. Por tanto “esta acción ten unha dobre vertente; loitar contra o cambio climático e apoiar ao comercio e a hostalería locais”.

Para poder acceder ao uso de recarga será necesario descargarse unha APP. Durante o próximo mes, no que o punto de recarga estará nun período de probas, será necesaria a retirada dunha tarxeta de acceso que se poderá recoller nas dependencias da Policía Local.

O alcalde Paco Ferreira anunciou tamén que “xa se iniciaron os trámites para a solicitude a través de fondos europeos da instalación de outro punto de recarga que se situaría na contorna do pavillón de deportes”.

Así mesmo, nunha segunda fase, estes puntos de recarga serán alimentados a través de placas solares, dentro dun ambicioso proxecto de eficiencia enerxética do Concello de Gondomar que permitirá que diferentes instalacións municipais sexan abastecidas por fontes de enerxía 100% limpas.