Os participantes de Vincúlate visitan Anceu Coliving e Coworking en Ponte Candelas

As persoas participantes do Proxecto “Vincúlate” realizaron unha visita a Anceu Coliving e Coworking en Ponte Candelas para coñecer as súas instalacións e o programa de “Rural Hackers” de deseño e programación de páxinas web, que están a realizar os seus compañeiros e compañeiras. Un total de 9 das 18 persoas integrantes do grupo de maiores de “Vincúlate” acoden os mércores de 16:00 a 20:00 horas a este espazo para aprender coñecementos relacionados co deseño e a programación de páxinas web.

Anceu dispón de varios espazos de traballo, cuartos individuais e unha gran cociña común para satisfacer todas as necesidades dos “nómades dixitais”. Os adolescentes descubriron que se trata dun espazo semellante a un coworking pero de convivencia: comparten espazos, gañan en servizos e comparten gastos. Entre as persoas que gozan do espazo atópanse habitantes de distintas cidades do mundo que elixiron este lugar para desenvolver a súa actividade profesional telemáticamente durante un tempo. Estas persoas intercambiaron coñecementos cos mozos baioneses.

“Toda a infraestrutura está preparada para poder traballar e compartir ideas, coñecemento e maneiras de vivir, unha experiencia moi frutífera para os participantes do noso proxecto municipal que busca promover a melloría das distintas funcións e concretamente das sociais, emocionais e cognitivas así como proporcionar pautas saudables de comunicación”, destaca a coordinadora do proxecto e educadora familiar do Concello de Baiona, Arantxa Rial, que acompañou aos mozos na visita.