
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da orde de axudas destinadas a financiar os gastos de 190 agrupacións de voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de municipios. Por provincias, 62 asociacións da Coruña recibirán axudas por valor de máis de 117.500 euros; en Lugo, serán 33 agrupacións, cun orzamento de máis de 54.600 euros; en Ourense, hai 65 beneficiarias grazas a un financiamento duns 107.700 euros; e en Pontevedra, as axudas chegarán a 30 agrupacións, con máis de 60.100 euros.
A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade do Val Miñor recibirá 3.360,50 €. As axudas poderanse destinar a necesidades como equipamento e uniformes; equipos de prevención e protección, sempre que se trate de material funxible; custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario; custos de formación dos seus membros; ou equipamento de material informático e de comunicacións.
Esta convocatoria complementa outros programas do Goberno galego para mellorar os medios de emerxencias dos concellos de menos de 50.000 habitantes. Así, ademais das axudas directas para colaborar cos gastos de funcionamento, a Xunta reforza o material de emerxencias das AVPC coa convocatoria anual para facilitar equipamento. Na orde do ano pasado destinouse 1 millón de euros á cesión de 26 tendas de campaña para emerxencias, 19 vehículos tipo pick-up, 6 remolques de emerxencias, 8 esparexedores de sal e 8 coitelas de retirada de neve para as actuacións en concellos máis afectados polas nevaradas.
Así, o investimento da Xunta nos últimos anos nas AVPC da comunidade acada os 18 millóns de euros, dos que 14 millóns se destinaron a reforzar o seu equipamento e os 4 millóns restantes aos seus custos de mantemento. Ademais, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), os voluntarios destas agrupacións e os profesionais dos distintos servizos de emerxencias reciben formación para actualizar os seus coñecementos e poder realizar unha intervención eficaz ante calquera incidencia.