Sin categoría

Baiona súmase a un plan nacional de turismo mariñeiro

Seis vilas mariñeiras do norte de España, entre as que se atopa Baiona, presentaron un proxecto conxunto ao Programa de Experiencias de Turismo de España, que impulsa o Ministerio de Industria Comercio e Turismo. Fixérono a través da Asociación de Villas Marineras na que se integran, ademais de Baiona, as dúas localidades asturianas de Ribadesella e Llanes, e as cántabras de Laredo, Santoña e San Vicente de la Barquera. A proposta opta ás axudas dos fondos europeos Next Generation que se destinarán ao programa de experiencias turísticas.

O obxectivo é impulsar un turismo “azul” baseado nos oficios do mar, barrios mariñeiros, faros e lonxas. Visitas, paseos en barco, actividades artesanais, roteiros guiados polo porto pesqueiro, coñecer os labores dos mariñeiros antes de saír a faenar ou obradoiros de aspectos referentes ao mar son algunhas das actividades que se recollen na proposta. Trátase, segundo o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, dunha aposta por un “turismo diferencial”. “Un proxecto no que se implicará ao sector turístico e ao do mar, así como aos residentes das vilas. Preténdese impulsar a desestacionalización e que o turismo mariñeiro sexa outra motivación máis para visitar estas localidades en calquera momento do ano”.

A dixitalización será outro dos aspectos que se pretenden impulsar desde o proxecto da Asociación de Villas Marineras, que dará especial relevancia á cultura mariñeira e recollerá os relatos latentes en todos estes lugares, pero que aínda non están recollidos para poder narralos. A proposta está integrada na estratexia de desenvolvemento de produto, promoción e comercialización que promove o colectivo desde fai vinte anos. Cinco destas localidades, entre as que se atopaba Baiona, foron obxecto fai tres décadas de plans de excelencia turística. Posteriormente fundaron o Club de Excelencia Turística da España Verde.

De resultar seleccionado o proxecto, poñeranse en marcha grupos de traballo e cada vila adaptará á súa contorna as propostas que se definiron no documento que opta agora ao programa estatal.