O Alboroto de Javier Aguado lidera o Trofeo Repsol tras un complicado primeiro día

O Alboroto de Javier Aguado colocouse este venres á fronte do Trofeo Repsol tras vencer na primeira e única proba que se puido disputar na xornada inaugural da competición que organiza o Monte Real Club de Yates.

O veleiro armado por Juan Carlos Ameneiro e patroneado polo que fora campión de España da clase, navegou o dobre percorrido barlovento sotavento deseñado polo comité de regata dunha forma moi sólida, sempre á fronte da frota, sen dar nin un segundo de tregua aos seus rivais.

O Marías de Manel Cunha e o Okofen de Javier de la Gándara perseguírono de forma incansable durante todo o trazado, achegándose en múltiples ocasións, pero aínda que as distancias foron mínimas por momentos, e a pesar de que ambos souberon ler moi ben o vento e non fallaron nas manobras, un nin outro foron capaces de superalo.

Así as cousas, o Alboroto é o primeiro líder do Trofeo Repsol, un trofeo que non empezou con moi bo pé a causa o vento, que só permitiu a celebración dunha das tres probas previstas no programa. A manga disputouse cuns 5 nós de media, chegando mesmo a 6, pero aos poucos o vento foi caendo e xa non permitiu que se puxesen en xogo máis probas.

Tras o Alboroto van o Marías e o Okofen, segundo e terceiro respectivamente; e o Solventis de Manuel Jiménez e o Hullmaxx de Chisco Catalán pechan a clasificación dos cinco mellores dunha competición á que aínda lle faltan dous días.

Os J80 foron os protagonistas indiscutibles do día ao ser os únicos que competiron nesta primeira xornada do Trofeo Repsol – 44ª Regata de Primavera. Os 8 metros teñen máis probas que o resto na competición deste ano como fórmula de impuxo da frota de fronte ao Campionato de España que se celebrará o próximo mes de setembro en Baiona e ao Mundial que a vila mariñeira galega acollerá en 2023.

Ademais dos tres trofeos que se entregarán aos primeiros clasificados, os monotipos optan tamén a un premio especial de 7.000 euros cos que o Monte Real patrocinará a viaxe e a competición do barco gañador ao europeo da clase que se celebrará en xullo en Francia.

Na segunda xornada do trofeo, que dará comezo ás doce do mediodía deste sábado, poderemos ver xa a toda a frota na auga. Os máis de 40 rexistrados bateranse nun percorrido dunhas 23 millas ata Combarro. Entre os participantes, todo un elenco de barcos con regatistas de alto nivel que garantirán o espectáculo nas Rías Baixas.

Un dos vencedores da edición anterior, o portugués Rui Ramada, sairá á auga co obxectivo de levar un novo trofeo, aínda que nesta ocasión na categoría de A Dous, na que competirá a bordo do Yess xunto con Óscar González Peixoto. Verase as caras contra equipos como os do Salaño Dos, de Jacobo Vecino e Brenda Maure, recentes gañadores do Trofeo Comunica; ou o Vagalume, de Luis Vidal e Eva Fernández.

Ramada xa non será un rival para bater na competición dos ORC, na que si estarán tripulacións tan potentes como as do Aceites Abril dos irmáns Luis e Jorge Pérez Canal; ou o Magical de Julio Rodríguez, ambos os dous do Real Club Náutico de Vigo. O portugués Ifaclinic.com, de Joao Allen, do Iate Clube do Porto; o Bon III de Víctor Carrión, do Club Náutico Punta Lagoa; o Deep Blue 2.1 de Vicente Cid, do Real Club Náutico de Vigo; ou o Nahela de Víctor Álvarez, do Club Deportivo Alagua, serán outros dos equipos que veremos mañá rumbo a Combarro.

Os 6 Fígaros Beneteau que o Monte Real Club de Yates saca a competición con tripulacións formadas por alumnos da súa Escola de Vela, entre elas algunhas exclusivamente femininas, competirán dentro da clase ORC, pero optarán tamén a premios como categoría específica.

Unha vez finalizada esa proba, a única do día, ao Trofeo Repsol aínda quedará por diante unha última xornada, o domingo festivo do primeiro de maio, na que os barcos se medirán completando o percorrido inverso, desde Combarro a Baiona.