Nigrán abre o prazo de presentación de ofertas para a dotación do equipamento da nova biblioteca

FOTO: HÉCTOR SANTOS // Biblioteca de Nigrán.

O Concello de Nigrán aprobou onte o expediente de contratación para dotar de equipamento á nova Biblioteca Municipal cun orzamento base de 227.299,30 € ao cargo do remanente de Tesourería. Así, as empresas dispoñen ata o 13 de maio para presentar as súas ofertas, téndose en conta entre os criterios de adxudicación a mellor oferta económica (80 puntos máximo), o menor prazo de entrega (10 puntos máximo) e o maior prazo de garantía (máximo 10 puntos).

“Gustaríanos ter operativa a Biblioteca como tal moito antes pero a aprobación do expediente foi máis complexa do previsto, polo que durante este tempo empregamos o edificio igualmente para actividades culturais como presentación de libros, charlas, etc”, sinala o rexedor, Juan González, quen agarda que durante o verán se poida ir efectuando o traslado.

O Concello precisa dotar esta instalación que pasa de contar con 120 metros cadrados no Ceán a 1.260 m², xerando espazos novos como a sala infantil independente, zona de estudo ou outra de usos múltiples. “Evidentemente as necesidades de mobiliario, equipamento informático etc se multiplican porque contaremos con novos servizos e máis capacidade, con esa premisa se construíu este edificio”, sinala o rexedor, quen detalle que se contemplan unha ducia de ordenadores de mesa para usuarios fronte aos 3 dos que dispón actualmente ou novos equipamentos como un proxector, equipo de son ou televisores. O mobiliario será de deseño minimalista e de estilo contemporáneo, acorde co propio edificio e cómodo para o seu uso concreto (desde carros para os libros, cadeiras, expositores, mesas e auxiliares, etc) e se inclúen plantas naturais para outorgar calidez ao espazo.

Edificio bioclimático

O novo edificio deseñado polo estudio Gándara-Pons ocupa unha parcela municipal de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, fronte a rúa do Panasco) nun lugar facilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que teña dúas entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construción xera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa á entrada por planta baixa.

Conta con catro alturas, planta irregular, e superficie total construída de 1.260 m2 clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na planta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.