
Maio, o mes da Vigo Copa de España, arranca para o pelotón Elite-Sub23 este domingo cunha das grandes clásicas da categoría. A Santikutz Klasika celebra a súa 88ª edición e o Vigo-Rías Baixas acode á localidade guipuscoana de Legazpi no seu mellor momento da tempada. Tras o segundo posto logrado por Vicente Hernaiz en Valladolid, a estrutura presidida por José Luis Chamorro gañouse o dereito a soñar ao grande.
Na capital valisoletana o conxunto flúor acariñou a que tivera sido a súa primeira vitoria desta campaña na Copa de España, certame que alcanza a súa oitava xornada na Santikutz Klasika. Dentro de dúas semanas as clasificacións xerais resolveranse en Vigo e os pupilos de Modesto Pérez queren seguir acumulando sensacións positivas para a cita na que exercerán de anfitrións. A escuadra olívica, sexta na táboa por equipos, non se garda nada e presentarase en Euskadi encabezada polo seu tridente.
Hernaiz, Pablo Ara e Asier González atoparanse cun esixente percorrido que se adapta ás súas características. Nos 153 quilómetros, con saída e chegada en Legazpi, terán como compañeiros a Ángel Maneiro, Martín Rey, Joao Leite e Álvaro Carasa. Unha mestura de mocidade e experiencia dentro da normativa da Copa de España que reserva a participación a corredores Sub25.
Ás 09:30 horas poñerase en marcha unha carreira con ata doce portos de montañas. Salvo o primeiro (Udana) e o último (Aztiria), ambos de 2ª categoría, o resto son de 3ª. Neste carrusel de explosivas cotas coróase a duodécima subida a 5 km para a meta. Un trazado xenuinamente vasco.