
O Concello de Nigrán recibiu a visita de 108 alumnos da facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago nunha excursión organizada para ver de preto o parque empresarial de Porto do Molle. En concreto, os estudantes de 1º de Historia da Arte, 2º de Sistema de Información Xeográfica e 3º de Xeografía Urbana, tiveron a oportunidade de coñecer in-situ grazas aos técnicos da concesionaria Aqualia o sistema de reutilización de augas residuais do edificio tecnolóxico de Porto do Molle, pioneiro en España e practicamente único en Europa. Ademais, realizaron unha visita guiada pola marxe do río Muíños ata chegar ao muíño do século XVIII situado ao seu carón e, posteriormente, coñeceron a zona de naves e as obras do futuro centro comercial Nasas.
O obxectivo desta visita a Nigrán foi apreciar o innovador modelo de sostibilidade ambiental que se leva a cabo aquí, onde conviven harmoniosamente natureza e empresas punteiras tecnolóxicas, incidindo no modelo urbano elixido para o crecemento do parque. “É un orgullo que alumnado dunha universidade veña a coñecer o noso Parque Empresarial con este obxectivo porque significa que, efectivamente, somos unha referencia en termos de sostibilidade ambiental, deseño urbano e modernidade”, recoñece o alcalde, Juan González.
Co fin de aproveitar ao máximo a saída, previamente estiveron en Vigo estudando o traballo da Comunidade de Montes de Cabral e os petróglifos da comarca e ao mediodía comeron en Praia América para apreciar a protección dunar desenvolvida polo Concello. Xa pola tarde visitaron Baiona para ver o entramado medieval do Casco Vello.